22 de dec. de 2014

BAIXO MIÑO

O BNG inicia unha campaña de apoio ao pequeno comercio 


BNG / Baixo Miño

 O BNG inicia unha campaña para animar a potenciar feiras e mercados, a consumir produtos galegos e a facelo no comercio de proximidade, un sector básico da nosa economía. 

 Apoiar o comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar riqueza, e impedir a desertización das nosas vilas. Está ao noso alcance modificar os hábitos, potenciar a nosa economía e dar saída á produción galega, de gran calidade. 

 Desde o BNG defendemos que se prestixien os nosos produtos primarios. Apostamos porque os poderes públicos faciliten a súa comercialización en circuítos curtos para garantir o máximo beneficio ás persoas produtoras e que a actividade agrícola, a súa transformación e comercialización sexa un elemento de creación de emprego e de dinamización económica. 

 As políticas económicas e fiscais regresivas do PP provocaron unha grave crise na demanda, ao que hai que sumar as medidas de liberalización comercial que se aproban en Madrid e que o Goberno de Feijóo asume e aplica. Esta situación levou a un grave desequilibrio no sector comercial, con saturación na oferta pola expansión de grandes superficies, que ameazan a supervivencia do comercio local.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario