11 de nov. de 2014

VAL MIÑOR

O IEM inicia a recollida de topónimos na parroquia de Panxón (Nigrán) 

 Antiga imaxe aérea de Panxón

Instituto de Estudos Miñoranos  

 Os cambios económicos, sociais, urbanísiticos e doutra índole están provocando unha perda exponencial dos nomes do noso mundo. Unha perda de patrimonio, unha perda de cultura e identidade. Nese senso, o  Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) e o Instituto Primeiro de Marzo de Baiona, asinaron un convenio para que a alumna Beatriz Pérez González, do ciclo de animación sociocultural, levara a cabo as súas prácticas. O traballo conxunto consiste na recolleita dos topónimos - nome dos lugares-  da parroquia de Panxón. 

 O proxecto de carácter multidisciplinar inclúe entrevistar mulleres e homes de certa idade que traballaran no mar e na terra e coñezan os seus nomes. Baleirar as fontes documentais dos distintos arquivos que acheguen os nomes de Panxón a través da historia. Recoller tamén as historias da terra: “As bruxas de Gaifar, os naufraxios, o esbarrullamento do Monumento, o campo de traballos forzados de Monteferro, (...)”. 

 Os avances e resultados deste traballo se farán públicos a través do web oficial do IEM. O proxecto tamén abrangue a realización de exposicións e visitas guiadas terrestres e en barco. Tanto para escolares como para o público en xeral.  

 “A toponimia de Panxón vai facer sentirse orgullosos os seus habitantes pola riqueza que teñen e vai producir un libro que diga A Xermaña leva centos de anos chamándose así e que as acumulacións enormes de area en Panxón chámanse fenales e os montes máis pequenos moutillóns e quizais noutro tempo madorras”, sinala o arqueólogo Xosé Lois Vilar, coordinador do proxecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario