Os días 24 e 25 haberá cadansúa sesión
informativa en Pontevedra e Vigo, respectivamente
PRETO DE 1.000 FAMILIAS RECIBIRON ASESORAMENTO SOBRE A FACTURA DA LUZ NAS
OFICINAS HABILITADAS POLA DEPUTACIÓN E A UNIÓN DE CONSUMIDORES
·
Moitos dos usuarios descoñecían que tiñan un contrato no
mercado libre
·
A porcentaxe de usuarios no mercado libre sitúase entre o
20 e o 33% en Vilagarcía e Vigo, pero ascende ao 88% en Ponteareas
·
As tarifas de discriminación horaria, as axudas públicas
e os pasos e condicións para o cambio de contrato son algunhas das consultas
máis repetidas
Infogauda / Pontevedra
Preto de 1.000 familias pasaron xa polas oficinas de
asesoramento sobre a factura de electricidade postas en marcha pola Deputación
de Pontevedra e a Unión de Consumidores de Galicia nos primeiros 17 días de
funcionamento, segundo informou esta mañá o presidente da Administración
Provincial, Rafael Louzán.
Louzán destacou que os datos de asistencia a estes puntos
de información e asesoramento personalizado (10 en toda a provincia) demostran,
unha vez máis, “o acerto da posta en marcha desta iniciativa” por parte da Deputación
e a UCGAL.
O titular da Administración provincial recalcou a
complexidade existente no mercado eléctrico e a confusión que a miúdo existe
entre a poboación á hora de coñecer este servizo.
Así, afirmou que desde a Deputación se pretende poñer
algo de claridade en todo o relacionado co mercado eléctrico e asesorar a todos
os interesados para que poidan resolver dúbidas e reducir así os custes da súa
factura eléctrica.
“Non somos capaces de ler unha factura; vai haber cambios
nos contadores; hai subidas e baixadas de tarifa permanentemente; non sabemos se o contrato que temos é o que
debe ser ou non e a todo iso é ao que intentamos dar resposta desde a
Deputación e a Unión de Consumidores, por medio de técnicos expertos”,
asegurou, incidindo no sei convencemento de que “unha sociedade mellor
informada vai en beneficio de todos”.
Por iso, ademais das charlas xa ofrecidas no mes de xullo
en numerosos concellos da provincia e das oficinas de atención personalizada
abertas ao público nestes momentos, os vindeiros 24 e 25 de setembro terán
lugar cadansúa sesión informativa na sede da Deputación en Pontevedra e Vigo,
respectivamente. Serán ás 20,00 horas e nelas os asistentes terán ocasión de
obter as claves xerais para obteren o maior aforro posible na súa factura
eléctrica.
Principais
consultas
En canto ao balance destes primeiros 17 días de
funcionamento das oficinas, os datos recollidos nas oficinas reflicten a
existencia de numerosas dúbidas entre os cidadáns incluso no que respecta a
algo tan básico como é con quen teñen contratado o servizo.
De feito, os técnicos que asesoran aos usuarios
detectaron un elevado número de persoas que están no mercado libre sen sabelo e
que son informadas deste aspecto nas propias oficinas. Este é, precisamente, un
dos principais motivos de consulta recibidos nos 10 puntos de asesoramento da
provincia.
Así mesmo, son moitos os usuarios que acudiron ás
oficinas de información para contrastar os datos que lle deron nas oficinas de compañías
comercializadoras ou algúns comerciais e que, segundo os técnicos da UCGAL,
demostran que á complexidade do tema e á falta de transparencia se están
sumando prácticas abusivas: ocultación de información relevante para o consumidor
(como a posibilidade de acceder ao bono social ou sobre as tarifas de
discriminación horaria), a existencia de penalizacións aos usuarios incumprindo
os requisitos legais, ou o desenvolvemento de campañas de captación de clientes
agresivas.
Os técnicos da Unión de Consumidores están poñendo luz
sobre todos estes asuntos e cada un dos usuario sae da oficina con información
detallada e adaptada ao seu caso particular para que poidan dar os pasos que
lle van permitir aforrar na súa factura e facer fronte a posibles enganos ou
abusos.
O motivo central que levou aos usuarios a acudir ás
oficinas de asesoramento é a busca de solucións que lles permitan aforrar na
súa factura, polo que, ademais das consultas relativas ao mercado libre e
regulado e as posibilidades e condicións para cambiar de un tipo de contrato a
outro, as cuestións máis repetidas refírense á existencia de axudas públicas (tarifa
de último recurso e tícket eléctrico social, que moitos dos asesorados
descoñecían); á conveniencia ou non de acollerse a unha tarifa de
discriminación horaria; se a potencia contratada é a que precisan ou non ou as
vías de reclamación ante problemas coa facturación e, especialmente, no caso de
contratacións non consentidas.
Así mesmo, foron moitos tamén os que acudiron nestes
primeiros días a contrastar a información sobre ofertas comerciais de empresas
do mercado libre; sobre as propostas de acollerse a un prezo fixo anual
efectuadas polas comercializadoras de referencia; ou sobre as cartas remitidas
polas compañías explicando o cambio da tarifa TUR ao PVPC.
Datos por
oficinas
En canto á asistencia a cada unha das 10 oficinas abertas
ao público na provincia, están a rexistrar un ritmo crecente de demanda de
atención, de forma que na primeira semana a afluencia foi máis reducida e, a
medida que a poboación tanto a través dos medios de comunicación como do boca a
boca vai coñecendo o papel que están a desenvolver, medra a cantidade de
usuarios atendidos.
De feito, do 2 ao 5 de setembro visitaron as oficinas
algo máis de 250 persoas, mentres que na semana en curso son xa case 400 as
persoas atendidas.
Malia que a afluencia está a ser constante en todas as
oficinas, son as de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Ponteareas e Tui as que teñen
recibido a un maior número de persoas.
Así, nestes primeiros días as oficinas de Vigo e
Pontevedra situáronse no contorno dos 150 usuarios cada unha, mentres que
Vilagarcía superou os 120 e Ponteareas se achega xa aos 100 demandantes de
asesoramento.
A oficina de Tui é outra das que está a rexistrar unha
notable asistencia, de forma que xa se levan atendidas más de 75 consultas, ao
igual que a oficina de A Estrada.
En Lalín son preto de 60 as persoas atendidas, pouco
menos que as asesoradas en Redondela, onde se superaron lixeiramente os 65
usuarios.
Finalmente, Cangas e Cambados recibiron máis de 60 e 80
usuarios respectivamente.
Porcentaxe mercado
libre
Dos datos recollidos nas oficinas de asesoramento tamén
se desprende que existe unha notable diferenza entre a porcentaxe de usuarios
no mercado libre rexistrados nas oficinas do centro e norte da provincia e as
rexistradas no sur.
Así, mentres que en Vilagarcía a porcentaxe de usuarios
no mercado libre se sitúa en torno ao 20% e en Vigo no 33%, en Ponteareas esta
cifra acada o 88%, cifra similar á de Tui.
Esta diferenza ven motivada en boa medida pola existencia
nestas zonas de empresas comercializadoras locais coas que teñen contratada a
subministración boa parte dos veciños e veciñas.
Finalmente, cómpre destacar que nas oficinas tamén se
están atendendo consultas en relación a outros temas, como telefonía, seguros
ou vehículos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario