7 de ago. de 2014

TOMIÑO

Tres mozos de Tomiño, estudantes de arquitectura efímera, deseñan un modelo de marquesiña especial para o concello


A alcaldesa, presentou onte aos medios de comunicación, o novo modelo, co que se irán substituíndo as marquesiñas actuais

    Roi Pérez (Goián), Junior Alén (Figueiró) e Alejandro Tartaglione (Tomiño), os tres de 21 anos e estudantes de Arquitectura Efímera, na Escola de Artes e Superior Mestre Mateo, de Santiago de Compostela, son os responsables do deseño para as novas marquesiñas que o Concello irá instalando progresivamente en distintos lugares do municipio.  

   Acompañados pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e os arquitectos Tito Cendón e Javier Vázquez, que actuaron coma coordinadores do traballo, os tres mozos presentaron hoxe o deseño das marquesiñas, por encargo do Concello e despois de realizar un pormenorizado estudo das xa existentes e das necesidades da vila.   

  O prototipo que, probablemente, se leve a cabo nos propios talleres do Concello, se caracteriza por ter unha estructura modular, en forma de dúas letras L enfrontadas, unha a maneira de teito e outra de banco, realizadas nun material resistente ás inclemencias do tempo e aos actos vandálicos (estrutura de acero forrada cun tablero fenólico compacto moi resistente).

  Os tres xoves estudantes -dous deles xa remataron a carreira (Ciclo Superior de Arquitectura Efímera)- aseguraron estar moi contentos dos resultados obtidos e explicaron que o deseño inclúe espazos para información, pouco cristal (para evitar roturas) e unha imaxe neutra, de modo que sirva para ser instalada en calquera punto do municipio. A estrutura modular permitirá modificar as dimensións estándar das futuras marquesiñas, segundo as necesidades de cada lugar, e dispoñen dun sistema que permitirá conectalas á rede de iluminación pública.

  A alcaldesa de Tomiño, expresou a súa satisfacción polo proxecto levado a cabo por xente moza da vila, comentando que “ademais de bonitas, as instalacións son economicamente asequibles para o Concello, que era outro dos requisitos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario