26 de ago. de 2014

PORTUGAL

Asistiu no municipio de Penafiel (Portugal) á inauguración da Avenida Provincia de Pontevedra
LOUZÁN SITÚA A COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA COMO “EIXE FUNDAMENTAL” PARA O DESENVOLVEMENTO DE GALICIA E PORTUGAL

·       Penafiel decidiu dar o nome da provincia a unha das súas rúas en recoñecemento “a moitos anos de colaboración con municipios de Galicia e Pontevedra”
·       O presidente da Deputación e a deputada Ana Isabel Vázquez, visitaron tamén a feira multisectorial Agrival 2014, cunha importante presenza de empresas galegas
Infogauda / Penafiel
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, situou a cooperación transfronteiriza como “eixe fundamental” para o desenvolvemento de Galicia e o Norte de Portugal. Fíxoo no acto de inauguración da Avenida Provincia de Pontevedra, no municipio luso de Penafiel.
A Cámara Municipal deste municipio da rexión norte de Portugal -pertencente á subrexión do Támega e ao distrito de Oporto e que conta con máis de 70.000 habitantes- , decidiu dar o nome da Provincia de Pontevedra a unha das súas rúas en “recoñecemento aos moitos anos de colaboración entre este municipio e diversos municipios de Pontevedra”, e coincidindo, ademais, co 10 aniversario da presenza de produtores e empresas galegos en Agrival, unha das principais feiras multisectoriais do norte e centro de Portugal.
No acto de inauguración da Avenida de Pontevedra, Rafael Louzán agradeceu esta “homenaxe a todos os pontevedreses e pontevedresas” e incidiu en que se trata do “froito dunha relación de amizade que nos une historicamente e que se materializa nunha estreita colaboración en materias tan diversas como os intercambios comerciais e empresariais, o turismo, o desenvolvemento de infraestruturas ou a cultura”.
Neste sentido, incidiu en que Pontevedra e os municipios do Norte de Portugal “non poden vivir de costas”, dado que “os desafíos son moitos, pero tamén son moitas as oportunidades que temos ante nós se facemos o camiño xuntos e traballamos desde a unidade na defensa dos intereses comúns”.
Feira Agrival
Louzán e a deputada Ana Isabel Vázquez asistiron, convidados pola Cámara Municipal de Penafiel, á feira Agrival, inaugurada polo primeiro ministro luso, Pedro Passos Coelho, e na que este sábado se celebrará o Día de Galicia, que os propios responsables do evento destacan como “o día central deste gran certame feiral multisectorial”.
O presidente da Deputación subliñou que a elevada presenza de Galicia nesta feira -con 25.000 metros cadrados de exposición centrada en agricultura, gastronomía, maquinaria, artesanía, gando, moda, servizos e novas tecnoloxías- “dá mostras claras da estreita relación que une a Galicia con este municipio e con Portugal no seu conxunto”.
Como lembranza do acto celebrado esta mañá, Penafiel loce xa nun dos seus parques públicos das inmediacións do Recinto Feiral, unha escultura de Santiago Peregrino.

Trátase dun dos moitos traballos elaborados polos alumnos da Escola de Canteiros e que o municipio de Penafiel agradeceu dadas as súas vinculacións coa ruta xacobea en Portugal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario