20 de ago. de 2014

PEITIEIROS (GONDOMAR)

Peitieiros acolle presentación do proxecto “Elelelos” da Asociación Retrouso de Cela dentro da Semana Cultura

                                 Asociación Cultural Retrouso de Cela

Centro Cultural de Peitieiros / Gondomar

 Este xoves 21 de agosto, ás 20:30h, o Centro Cultural de Peitieiros acolle a presentación do proxecto “Elelelos” da Asociación Retrouso de Cela dentro da Semana Cultural, que precede o XXI Festival Folclórico Internacional. A presentación terá lugar no Salón do Centro Cultural e a entrada é libre.

 O proxecto “Elelelos”, músicas de tradición oral no Concello de Bueu, será presentado por Guillerme Ignacio produtor artístico do proxecto, profesor de perfeccionamento da aula de pandeireta de Retrouso e autor da meirande parte das recollas do proxecto. Guillerme Ignacio é ademais fundador do grupo folk tradicional Quempallou, no que se ocupa de gaitas, frautas e voz.

 O proxecto “Elelelos” é unha recolleita de músicas de tradición oral do Concello de Bueu, que agora ve a luz en forma de dous discos. O primeiro é unha escolma do traballo de campo realizado por integrantes da Asociación Retrouso de Cela, un traballo de campo realizado nos últimos 15 anos entre a xente maior de Bueu. Son cancións que falan do ciclo da vida (arrolos, xogos) e do ano (reis, panxoliñas, cantares do entroido). O proxecto inclúe 47 cancións.

 O segundo disco consta de 14 pezas tradicionais reinterpretadas por músicos da agrupación de Cela, como homenaxe que fai Retrouso ás persoas que os informaron e que conservaron estas músicas. Este segundo CD conta coa participación de María do Caño, cantadeira da Illa de Ons que interpreta un antigo romance acompañada da zanfona de Guillerme Ignacio.

 O proxecto Elelelos desde o seu nacemento o pasado xuño de 2013 xa foi presentado en diversos lugares do noso país. Este xoves será presentado na Semana Cultural de Peitieiros e as persoas que se acheguen poderán colaborar co proxecto adquirindo os discos, pois este proxecto tamén explorou diversas vías de financiamento para poder ser publicado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario