29 de ago. de 2014

EMPREGO

A estes traballos sumaranse outras actuacións máis complexas para mellorar a seguridade e facilitar o tránsito dos peregrinos
PRETO DE 100 OPERARIOS COMEZAN O LUNS A ACONDICIONAR O CAMIÑO PORTUGUÉS

·       Os traballadores recibiron hoxe o equipamento de traballo, así como información de seguridade e saúde laboral
·       A Administración provincial investirá 1 millón de euros este ano na “consolidación definitiva” deste camiño
 Preto de 100 operarios comezarán este luns a traballar nas tarefas de limpeza e acondicionamento do Camiño Portugués a  Santiago no treito comprendido entre Tui e Pontecesures. Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación.
 Os traballadores recibiron hoxe o equipamento necesario para realizar un traballo que pretende que, nun prazo de seis meses, todo o percorrido do camiño pola provincia de Pontevedra estea en perfectas condicións de limpeza.
 Louzán destacou que se trata tan só dunha das partes do proxecto conxunto que a Deputación, os 12 concellos da ruta e a Xunta de Galicia están a levar a cabo para “a consolidación definitiva” dunha ruta que realizan milleiros de persoas cada ano.
Parte construtiva
 A estes labores iniciais sumaranse posteriormente, e tal e como anunciou o presidente da Deputación, outros traballos máis complexos orientados a mellorar a seguridade nos cruces e nos puntos máis conflitivos.
 No detalle das obras necesarias está a traballar xa unha consultora e, unha vez entregado o proxecto, a Deputación procederá a licitar os traballos. Estas obras incluirían a construción dalgunha ponte de madeira en lugares de especial dificultade de tránsito nos meses de choiva, a aplicación de zahorra ou o empredrado dalgúns puntos ou a sinalización, entre outras.
 Os traballos realizaranse nos concellos de Tui, O Porriño, Mos, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga e Pontecesures, e os operarios distribuiranse en función do número de quilómetros que haxa que cubrir en cada concello.
Delimitación

 O presidente da Deputación indicou que todos os traballos se realizarán seguindo a delimitación do trazado na que traballa a Dirección Xeral de Patrimonio, co obxectivo de “respectar a ruta orixinal” e contribuír a consolidación da mesma.

Ningún comentario:

Publicar un comentario