TRIBUNA ABERTA
A RÚA TUI ESQUECIDA POLO GRUPO MUNICIPAL DE GOBERNO DO CONCELLO DE A GUARDA
Paréceme a min que a rúa Tui, é considerada polos nosos gobernantes como unha rúa morta. A ver se me explico; en data 20 de marzo de 2014 desmantelaron o guindastre que estaba situada nesa rúa que daba soporte á construción de toda esa barriada e que, por motivos que agora non veñen ao caso, moitos pisos desa urbanización quedaron sen rematar. Por este motivo os construtores, ou quen fose, decidiron desmontar o guindastre co apoio da policía municipal para o control oportuno do tráfico. Por tanto, vostedes eran coñecedores de que o citado guindastre desaparecía. (Mirar fotos 1 e 2).
Xa pasaron 5 meses e en efecto, o guindastre desapareceu, pero deixounos un buraco na rúa de máis-menos 4 x 6 x 2 metros resgardado por unha simple rede metálica e unha cinta de varios cores como única sinalización. (Foto 3).
Reflexiono: cando un veciño necesita pintar a súa fachada, ou facer algunha reforma que necesite solicitar permiso para colocar unha estada, esíxenselle unhas medidas de seguridade, sempre segundo a lei vixente, que máis dunha vez parécennos esaxeradas, que se valos, que se unha ou varias luces de sinalización de perigo, que estadas homologadas, etc. ¿Vese algo nas fotos que estea dentro da lei? Fágome esa pregunta e verdadeiramente, considérome, non capacitado para contestala, vostedes, os gobernantes, seguro que si.
O buraco aínda segue aí, pero claro, agora converteuse nun vertedoiro. Véndoo con bos ollos até pode ser positivo xa que o día que alguén en coche veña un pouco lanzado, non vexa a rede metálica (porque NON está sinalizada) e a leve por diante, polo menos non caerá ao pozo senón que quedará enriba do cascallo que lle salvará a vida.
Non vai tardar moito en estar totalmente cheo e logo, con retirar a rede metálica, xa se poderá circular libremente coma se nada pasase. Vostedes nin se decatarán, as ratas que se críen nese vertedoiro, que se apañen os veciños con elas para educalas e que lles esixan que fagan vida aí, no buraco sen molestar a ninguén. (Foto 4)
Señores gobernantes. A rúa Tui, aínda que vostedes ó pensen, non é unha rúa morta. Un consello gratis, se algún día, pensan tapar en serio ese buraco que sexa con firme máis sólido, se aproveitan a porcallada que ten dentro, co peso dos coches cederá o chan e haberá sempre unha fochanca. (Foto 5)
Recoméndolles que saian de paseo, percorran o pobo e vexan polos seus propios ollos as necesidades que hai que son moitas, iso non lles impedirá acudir ás inauguracións, promocións de festas gastronómicas como a da lagosta, levantamento de bandeiras azuis e todos eses eventos nos que lles fan fotos e saian na prensa.
Ah! non esperen ás eleccións para tapar buracos. Cobran vostedes todos os meses, desde o primeiro até o último mes do seu mandato. Fagan o seu traballo a diario mentres cobran e non esperen a que volvan as eleccións para deixarse ver.
Atentamente:
Anselmo Martínez Pena.
Ningún comentario:
Publicar un comentario