FEAFES Galicia celebra este sábado o VIII campionato de balompé “Todos polo fútbol”
· Os partidos terán lugar no Pavillón de Santa Isabel (Santiago de Compostela) a partir das 10:15 e congregará a arredor de 300 persoas.
· O obxectivo do encontro é promover o deporte entre as persoas con enfermidade mental e fomentar a práctica de ocio normalizado.
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela
A Federación de
Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES,
celebra este sábado 12 de xullo a final do VIII campionato de balompé “Todos
polo Fútbol”, un encontro deportivo no que participarán dez equipos de oito
asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma.
O torneo terá
lugar no Pavillón de Santa Isabel, en Santiago de Compostela, a partir das 10:15
da mañá. Disputaranse diversos partidos ó longo de toda a xornada ata que estea
decidido quen xogará a final, que terá lugar ás 16:30 da tarde. Finalmente, ás 17:15
realizarase unha entrega de premios ó equipo ganador da man do presidente da
entidade, Xosé Ramón Girón.
Dende marzo ata
xuño, os dez equipos que participan na liga de FEAFES Galicia enfrontáronse
nunha serie de partidos que conclúen nesta final, disputada con encontros de 30
minutos de duración seguindo o modelo dos play-off. Os equipos participantes
pertencen a oito entidades federadas en FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Apem
(A Coruña, Cambre e Cee), Doa (Vigo), FEAFES Vigo, Lar (Vilagarcía), Lenda
(Redondela), Morea (O Barco) e Portanova (Narón).
FEAFES Galicia
estima que neste evento participarán arredor de 300 persoas entre participantes
e acompañantes, pois trátase dunha actividade que conta cunha gran
participación e interese por parte das asociacións membro.
O evento,
organizado polo departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia, ten como
obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre
as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que sofre
este colectivo. A través deste torneo, FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe
máis positiva das persoas con enfermidade mental, loitando de modo activo
contra os estereotipos negativos e os falsos prexuizos que se asocian a estas
persoas.
As actividades
organizadas polo servizo de Ocio e Deportes da federación axudan a mellorar a
calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias, pois
os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física
dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e
intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ós familiares na súa
tarefa de coidadores.
FEAFES Galicia
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con
Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en
1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento
asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta
entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á
mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e
a dos seus familiares.
O ámbito de actuación de
FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14
asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos
en 30 localidades e conta cun total de 4.700 socios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario