Os interesados en facerse cunha destas bolsas
poderán presentar as súas solicitudes ao longo do próximo mes
A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCARÁ AS NOVAS BOLSAS DE PRÁCTICA LABORAL NA
PRIMEIRA SEMANA DE XULLO
·
A Xunta de Goberno tamén aprobou a prórroga por 6 meses
máis das 500 primeira bolsas concedidas para prácticas en empresas
A Deputación de Pontevedra convocará as novas bolsas de
práctica laboral en empresas nos primeiros días de xullo. Así o anunciou esta
mañá o presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán, que subliñou que
na semana próxima se procederá á selección definitiva das empresas e, unha vez
pechada esta selección e coñecido o perfil dos bolseiros que demandan, se
sacará a convocatoria para mozos e mozas titulados que desexen acollerse a esta
iniciativa.
Os titulados universitarios e de formación profesional
que desexen acollerse a esta convocatoria disporán de todo o mes de xullo para
presentar as súas solicitudes. Deberán ter rematado os seus estudos despois do
1 de xaneiro de 2005, carecer de experiencia laboral previa na titulación na
que van realizar as prácticas e non poderán ser beneficiarios na actualidade de
ningún dos plans de práctica laboral postos en marcha pola Deputación.
Lista de
empresas admitidas
Na vindeira semana farase pública a lista de empresas
admitidas e excluídas deste plan, así como o número de bolsas que se lle
concederá a cada unha.
Con estes datos, elaborarase a convocatoria para mozos e
mozas titulados, tendo en conta as titulacións e perfís que demandan ás
empresas.
O obxectivo é, segundo indicou o presidente da Deputación
na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, que os aspirantes a estas
bolsas dispoñan de practicamente un mes para a presentación de solicitudes,
para realizar a posterior selección nos meses de xullo e principios de setembro
e que “en setembro-outubro poidan estar traballando”.
Prórroga das
500 xa en marcha
Estas bolsas sumaranse ás 500 xa concedidas no primeiro
plan de práctica en empresas e que permitiu que outros tantos mozos e mozas
comezasen a traballar o primeiro día hábil de xaneiro en diferentes empresas e
entidades da provincia.
Esas bolsas, que remataban este 30 de xuño, foron
prorrogadas pola Xunta de Goberno por outros seis meses, de forma que “eses 500
mozos e mozas van traballar ata final de ano e agardamos que de aí saia a súa
continuidade no mercado laboral, ben na mesma empresa ben noutra na que poidan
estar traballando”.
“Cumprimos cos que están –asegurou Rafael Louzán– e
dámoslle unha nova oportunidade aos que poidan vir” coa nova convocatoria de
prazas que se abrirá agora.
O titular da deputación cualificou estes plans como “moi
necesarios, porque son moitas as persoas con formación que non teñen esa
primeira oportunidade laboral”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario