Disputaranse nas instalacións
do Centro de Tecnificación Deportiva ás 17,00 horas e as 19,00 horas
PONTEVEDRA ACOLLE MAÑÁ AS
FINAIS MASCULINA E FEMININA DA COPA DEPUTACIÓN DE BALONCESTO INFANTIL
· O campión masculino sairá do partido entre o Marín Peixe
Galego e o Club Baloncesto Tui
· A final feminina enfrontará ao Porriño Baloncesto Base e
ao Club Baloncesto Arxil
Pontevedra acollerá na tarde de mañá as finais masculina e feminina da Copa
Deputación de Baloncesto Infantil. Disputarase, tal e como anunciou esta mañá a
deputada Begoña Estévez, nas instalacións do Centro de Tecnificación Deportiva.
O campión masculino será o gañador do partido que ás 17,00 horas enfrontará
ao Marín Peixe Galego co Club Baloncesto Tui, que foron os finalistas dos
torneos disputados na zona de Arousa-Pontevedra e de Vigo, respectivamente.
Pola súa banda, do partido entre o Porriño Baloncesto Base e o Club
Baloncesto Arxil sairá o equipo campión da categoría feminina. O encontro terá
lugar ás 19,00 horas e tamén enfrontará ao campión dos torneos da zona de Vigo
coas da zona de Arousa-Pontevedra.
Promoción do deporte
base
Na rolda de prensa de presentación desta final da Copa Deputación, tanto a
deputada Begoña Estévez como o delegado da Federación Galega de Baloncesto en
Arousa, José Luis Renda, como os representantes dos clubs destacaron a aposta
que a Deputación está a facer pola promoción do deporte base.
Neste sentido, incidiron especialmente no achegamento das diferentes
disciplinas deportivas aos concellos máis pequenos e nos que, de non ser pola
implicación de Administración Provincial a través das escolas deportivas, os
máis pequenos non terían ocasión de coñecer e interesarse por diferentes
disciplinas, como o balonmán, o taekwondo, a patinaxe, o judo, o rugby, a marcha,
a natación, ou piragüismo, modalidades todas elas que promove a Deputación en
diferentes municipios, xunto co fútbol, o fútbol sala e, a partir do vindeiro
ano, tamén o baloncesto.
Así, os participantes na rolda de prensa agradeceron que se sume este
deporte ao programa da Administración provincial e que se achegue, nun primeiro
momento, aos nenos e nenas de Moraña, Cuntis e Gondomar, para poder ir
estendendo as escolas a novos municipios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario