18 de maio de 2014

LECER

MÁIS DE 150 PERSOAS PARTICIPAN EN CANGAS NA PRIMEIRA ANDAINA DE SENDEIROS RÍAS BAIXAS, IMPULSADA POLA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A deputada Begoña Estévez sumouse ao percorrido e acompañou aos participantes en toda a andaina
·       A segunda ruta terá lugar o 1 de xuño polos Camiños do Trega, en A Guarda
Máis de 150 persoas sumáronse esta mañá á primeira das andainas que a Deputación de Pontevedra organiza no marco do programa Sendeiros Rías Baixas, co que pretende promover hábitos de vida saudable, fomentar a práctica do deporte e contribuír á difusión do patrimonio natural, arqueolóxico e etnográfico da provincia.
A primeira das andainas percorre a ruta Donón-Monte do Facho, no concello de Cangas, e a súa configuración como itinerario de dificultade baixa e percorrido circular curto (7,1 quilómetros) animou a participar a numerosas persoas de idade avanzada, que xunto con mozos e mozas formaron os grupos máis numerosos.
O percorrido deu comezo ás 10,00 horas na escultura da Caracola, na Costa da Vela, onde os participantes recibiron as primeiras indicacións do guía sobre a ruta, un itinerario que acaba de renovar o distintivo europeo de Sendeiro Azul, co que se recoñece aqueles espazos especialmente ben conservados e nos que se aposta pola restauración do patrimonio natural e etnográfico.
Á ruta sumouse tamén a deputada responsable de Deportes, Begoña Estévez, que non quixo perderse a ocasión de participar tamén “nesta xornada espectacular”, cun percorrido por unha paraxe marabillosa e na que reina o ambiente distendido e alegre.
Desde a Costa da Vela, os participantes continúan a marcha por sendeiros que transcorren dentro do espazo natural do monte do Facho, incluído na Rede Natura 2000.
Ao longo do percorrido, as impresionantes vistas sobre as rías de Pontevedra, Arousa e Vigo, coas Illas Cíes, Ons e Onza ao fondo mestúranse coa historia e os restos arqueolóxicos do monte do Facho, que os camiñantes puideron disfrutar, cumpríndose así un dos obxectivos fundamentais da ruta: achegar aos cidadáns o coñecemento da inmensa riqueza que existe no contorno máis próximo e que, a miúdo, descoñecen os propios veciños.
Para repoñer forzar, a metade de camiño e ao final da ruta instalouse un posto de avituallamento, no que os participantes reciben auga e algo de alimento.
Ademais, e para garantir a máxima seguridade e a atención a posibles incidencias, durante toda a ruta, dous quads acompañan aos participantes e unha ambulancia agarda no punto de partida e chegada por se fose requirida a súa presenza.
Próxima cita en A Guarda
A próxima cita para seguir coñecendo algunha das paraxes máis fermosas da provincia ao tempo que se practica deporte, será o 1 de xuño en A Guarda, nos Camiños do Trega.
Trátase dun percorrido de 7,7 quilómetros e de dificultade media para o que xa está aberto o prazo de inscrición, que rematará o 28 de maio.
Todos os interesados poderán anotarse presentando un formulario de  inscrición (que se pode descargar da páxina web da deputación de Pontevedra, no concello de A Guarda ou ben chamando ao teléfono 986 090 898.
En A Guarda, o punto de encontro será o Mirador de Areses, e a ruta discorrerá por pequenos carreiros que ascenden polas ladeiras do Monte ata a Ermida de Santa Trega, onde se pode disfrutar deste peculiar xacemento e das panorámicas que desde o monte de observan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario