FEAFES Vigo clausura a cuarta edición do Proxecto Prácticum de prácticas non laborais
·
No acto de clausura, que terá
lugar ás 17:00 na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, estarán presentes a
Deputada do Servizo de Acción Social, Marta Iglesias, e o Director de FEAFES
Galicia, Antonio Hernández.
· Na cuarta edición deste proxecto, un total de 15 usuarios de FEAFES Galicia
realizaron prácticas non laborais en empresas.
Ana Escrigas Rodríguez / Vigo
A delegación viguesa da Federación
de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia,
FEAFES, realiza esta tarde un acto para clausurar a VI edición do Proxecto
Prácticum de inserción laboral para persoas con enfermidade mental.
Este proxecto,
cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, fomenta a realización de prácticas
non laborais en empresas por parte de persoas con enfermidade mental. Grazas a
el, este colectivo pode mellorar as súas competencias laborais, acostumarse a
un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto. As
empresas, pola súa banda, teñen a posibilidade de ver cómo traballan estas
persoas e desfacer os prexuízos que poida haber á hora de valorar a
contratación dunha persoa con enfermidade mental.
Este ano,
participaron no Proxecto Prácticum un total de 15 persoas con enfermidade
mental, todos eles usuarios do Servizo de Inserción Laboral de FEAFES Galicia
na provincia de Pontevedra.
No acto, que
terá lugar ás 17:00 na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo
(Rúa Oporto nº3), estarán a Deputada do
Servizo de Acción Social, Marta Iglesias, e o director de FEAFES Galicia, Antonio Hernández. Ademais, contaremos
coa presenza de representantes das empresas colaboradoras Aciresa, Limpiezas
Lei, Imáspe e Decathlon.
Durante o
acto, realizarase unha mesa redonda na que participará Benito Gómez, xerente de
Imáspe, e dous beneficiarios do Proxecto Prácticum que nos contarán a súa
experiencia, un deles como conserxe na empresa Limpeza Lei e outro como
repartidor na empresa Imáspe. A continuación, os 15 participantes do proxecto
recibirán un diploma acreditativo.
En Galicia hai máis de 41.000 persoas con certificado de
discapacidade por enfermidade mental, segundo o censo da Consellería de
Traballo e Benestar . De todas elas, menos do 5% teñen un emprego estable, e
case a metade deles asegura ter sufrido algún tipo de discriminación laboral.
Por ese motivo, traballar por unha boa inserción laboral deste colectivo e unha
formación axeitada é un tarefa fundamental que pretende impulsar FEAFES Galicia
a través de proxectos coma este.
Cabe destacar que a raíz da IV edición do Proxecto
Prácticum, lográronse dúas insercións laborais como persoal de limpeza no
Centro Especial de Emprego Limpiezas Lei.
FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións
de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, é unha entidade sen
ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e
necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De
carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de
medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren
problemas de saúde mental e a dos seus familiares.
O ámbito
de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico.
Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega,
posúe centros e servizos en 28 localidades e conta cun total de 4.700 socios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario