FEAFES Vigo muda a súa sede a un novo local máis accesible e mellor comunicado
·
As novas instalacións están situadas na Rúa Serafín Avendaño nº 18, ben
comunicadas e cun fácil acceso para todos os usuarios
·
FEAFES Vigo presta atención a
persoas con enfermidade mental, ofrecendo información e asesoramento en materia
laboral, psicolóxica, xurídica, etc., así como un seguimento integral e
personalizado de cada usuario
Ana Escrigas Rodríguez / Vigo
A delegación viguesa da Federación
de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia,
FEAFES, ven de mudar a súa sede. A partir da semana que vén, a entidade
desenvolverá a súa actividade nunha nova oficina, situada fronte ás Torres de
García Barbón na Rúa Serafín Avendaño nº 18, oficinas 10-11.
O novo local
de FEAFES Vigo atópase moi ben comunicado, pois dispón dunha boa conexión coas
liñas de autobuses 17, C5B, C3, 10 e C2. Isto facilitará o achegamento dos
usuarios á sede, xa que gran parte da atención que realiza FEAFES Vigo
desenvólvese nas propias oficinas.
FEAFES Vigo pertence á
Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de
Galicia, FEAFES Galicia, unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995
que representa os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas
con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo
principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida
das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.
Actualmente, FEAFES
Galicia agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, das
cales 6 pertencen á provincia de Pontevedra e traballan nas localidades de
Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Redondela, Vigo, Cangas, A Guarda, Gondomar e
Lalín.
En Galicia hai 41.775
persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, das cales o
80% ten máis do 65% de minusvalía. De
todas elas, 15.611 pertencen á provincia de Pontevedra, a segunda provincia
galega con máis casos tras A Coruña (con 16.346). De toda esta poboación galega
afectada pola enfermidade mental, FEAFES Galicia atende a 7.800 persoas, que
tan só representan o 19% do total.

Ningún comentario:
Publicar un comentario