Realizáronse actualizacións masivas en Sanxenxo,
Cambados, Cotobade, Mos, A Estrada, Gondomar, Nigrán, Tomiño e O Porriño
OS LABORES DE ACTUALIZACIÓN CATASTRAL QUE O ORAL REALIZA NOS CONCELLOS DA
PROVINCIA DERON LUGAR A MÁIS DE 1.500 NOVAS ALTAS NESTE ANO 2013
·
Nos concellos nos que se realizaron labores de
actualización xerais, abríronse máis de 5.000 expedientes de alteración
catastral.
·
A asistencia directa do ORAL aos concellos permite que os
contribuíntes poidan realizar trámites de alta, modificación de datos ou
titularidade sen necesidade de desprazarse
·
Desenvolvéronse diversas actuacións puntuais en polígonos
industriais
Os labores de actualización catastral que o ORAL está a
realizar nos concellos da provincia facilitaron a alta de máis de 1.500 novos
inmobles no que vai de ano, aos que hai que sumar outros expedientes de
alteración motivados por cambios nos bens declarados e que xa tributaban, como
obras de reforma, ampliación ou construcións de anexos, que suman unhas 5.000
actuacións.
A meirande parte destes expedientes de alteración
abríronse naqueles concellos nos que ORAL procedeu a un traballo completo de
actualización e mantemento catastral, que, no último ano, foron os municipios
de Sanxenxo, Cambados, Mos, A Estrada, Gondomar, Nigrán, Tomiño, Cotobade e O
Porriño.
En todos eles se revisou o Padrón completo de cada
concello e procedeuse a citar aos contribuíntes para a actualización de datos.
Os traballos realizados este ano veñen a completar os que
se levan facendo no último lustro e que incluíron procedementos masivos de
actualización na práctica totalidade dos concellos da provincia adheridos ao
ORAL, que na actualidade son 46.
Actualizacións
masivas
Así, no Concello de A Estrada foi onde se procedeu a
citar a un maior número de contribuíntes, acadando os 2.000, e tamén no que
máis expedientes de actualización catastral se abriron, con 1.500 (incluíndo
novas altas e outras modificacións).
En Mos citáronse 1.250 contribuíntes e xeráronse 700
expedientes de revisión catastral; os mesmos que en Sanxenxo, onde se citou a
uns 1.500 contribuíntes.
Pola súa banda, en Cambados deuse atención personalizada
a 700 persoas e abríronse uns 450 expedientes, o mesmo número que en Gondomar.
En Nigrán xeráronse 300 novos expedientes, en Tomiño 300,
en Cotobade 460 e en O Porriño 250.
Esta labor que o ORAL está a realizar non só permite
mellorar a situación económica dos concellos, senón que, sobre todo, é unha
garantía de equidade, facilitando que todos os cidadáns contribúan segundo o
que lle corresponde facelo.
Facilidades
Nesta liña, o ORAL non só desenvolveu neste ano
actualizacións masivas do catastro, senón que está a prestar apoio e asistencia
aos contribuíntes de numerosos concellos da provincia en instalacións
municipais, evitándolle así desprazamentos para realizar xestións relacionadas
coa administración tributaria catastral.
Así, son moitos os municipios aos que con certa
frecuencia técnicos do ORAL se achegan para atender consultas e dúbidas dos
contribuíntes e para facilitarlles a realización de trámites que, ás veces,
poden resultarlles complexos se non contan con esta asistencia.
Vilanova de Arousa, Cangas, Moaña, O Porriño, Poio,
Ponteareas, Mondariz ou Mondariz-Balneario son só algúns dos concellos nos que
o ORAL presta atención personalizada e regular aos veciños e veciñas.
Polígonos
industriais
Outra das liñas de actuación que durante o que vai de ano
desenvolveu o ORAL foi o de desprazarse a varios concellos que así o
solicitaron para facilitar a alta de grupos de inmobles que ata o momento non
tributaban.
Estas labores afectaron de forma especial a naves en
polígonos industriais e a grupos de vivendas de recente construción e que non
estaban incluídas no catastro.
Entre os concellos que se beneficiaron desta asistencia
concreta figura Vilanova de Arousa, onde, entre outras actuacións puntuais, se
procedeu a unha actualización da situación catastral de inmobles no polígono de
Tremoedo; Meaño, onde se están a levar a cabo traballos puntuais de
actualización en diferentes zonas do concello e que deu orixe na primeira fase
a unhas 40 novas altas en zonas industriais; ou O Porriño, Tui, Ribadumia,
Barro, Valga, Ponte Caldelas ou Campo Lameiro onde tamén se está revisando o
catastro nos polígonos industriais.
Novas
ponencias de valores
Cómpre destacar tamén o apoio técnico e económico que o
ORAL presta a aqueles concellos que están a abordar unha nova ponencia de
valores, cos que colabora en diversos traballos como os estudos de mercado, a
xestión de notificacións ou a colaboración na atención ao público.
Nesta situación están actualmente o concello de Cotobade
e Salvaterra de Miño. Nos dous casos, o ORAL realizou previamente unha
actualización masiva do padrón no pasado ano 2012, facilitándolle así a
Xerencia Territorial do Catastro de Pontevedra, dependente do Ministerio de
Facenda e Administracións Públicas, o desenvolvemento das labores de
elaboración das novas ponencias de valores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario