OS COMERCIANTES DE TOMIÑO E GOIÁN COLABORAN NA PROMOCIÓN DA EXPOSICIÓN DO PINTOR ANTONIO FERNÁNDEZ
O Concello de Tomiño, en colaboración con ADETO (Asociación de Autónomos de Comercio, Hostalería, Industria e Centros Comerciais Abertos de Tomiño), vén de por en marcha unha campaña de promoción da exposición de pintura “Antonio Fernández “Pintor de tres mundos”, que terá lugar entre o 4 e o 20 de outubro no Centro Goianés.
A devandita campaña consistiu na distribución polos comercios de Goián e os asociados de Tomiño centro, de setenta láminas de reproduccións a toda cor de diferentes obras pictóricas do artista goianés, para que os establecementos as coloquen nos seus escaparates.
As obras reproducidas, cuxa temática abarca paisaxes, naturezas mortas, retratos e un amplo etcétera, proceden de varios museos (de Belas Artes de A Coruña, Provincial de Lugo e de Pontevedra, Fundación Novacaixagalicia e coleccións particulares. Na páxina web de ADETO (www.adeto.org) pode consultarse a relación das obras e a súa colocación.
A exposición “Antonio Fernández: Pintor de tres mundos”, será inaugurada no Centro Goianés o vindeiro venres 4 de outubro ás 20.00 horas. A mostra está composta por unha vintena de cadros (entre os que se atopan paisaxes naturalistas, escenas costumistas, retratos, etc.) procedentes de fundacións (Xavier Pousa, Mª José Jove, etc.), galerías de arte (José Lorenzo. Santiago; Montenegro. Vigo), Museo Quiñones de León e coleccións particulares.
A exposición, comisionada polo crítico de arte Carlos L. Bernárdez, permanecerá aberta ata o domingo 20 de outubro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario