7 de xuño de 2013

TUI

O BNG de Tui responsabiliza ao Alcalde de denuncias da policía local contra preferentistas
BNG / Tui
O BNG de Tui quer manifestar á opinión pública tudense a súa contundente repulsa pola actuación do goberno municipal no pasado día 30 contra os e as manifestantes estafados polas preferentes, durante a celebración do pleno ordinario. Ademais de non permitir o acceso ao salón de plenos dunha representación dos manifestantes, o Alcalde tudense rexeitou as propostas de mediación dos concelleiros do BNG, que solicitaban se lles permitise aos afectados presentar o seu escrito e explicar as súas demandas. Foi ese o motivo polo que os nosos representantes municipais decidiron abandonar a sala en apoio dos dereitos dos cidadáns. Desde o BNG valoramos como unha evidente falta de sensibilidade por parte do Sr. Alcalde que opte por silenciar e desprezar as demandas dos estafados e estafadas e o que é aínda máis grave, que opte incluso por contribuir na represión a este colectivo. Só así se entende por exemplo que permitise que a policía local identificase a varios manifestantes e consentise a denuncia no xulgado contra algún dos estafados no pasado mes de maio durante una protesta pacífica. Esa denuncia da policía local, que, de prosperar, suporía un castigo económico adicional para as persoas que xa sofren a perda dos aforros da súa vida, é una mostra palpábel de que o Sr. Alcalde de Tui prefire colocarse cómodamente ao lado da banca depredadora, permitindo as sancións, a encabezar a loita xusta dos preferentistas. O BNG esixe que se retiren esas denuncias porque ten claro quen son as vítimas e onde están os responsábeis deste roubo ao pobo traballador. Insta ademais ao goberno municipal, a todas as forzas políticas do Concello e á cidadanía tudense en xeral a mostrar o apoio e solidariedade co colectivo afectado deste roubo programado, participando activamente na concentración cidadá que terá lugar o próximo domingo día 9 de xuño ás 12:30 na Praza do Calvario do Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario