11 de mar. de 2013

A GUARDA


O BNG acusa ao Alcalde da Guarda de xogar co Plan Xeral de Urbanismo
O BNG leva anos demandando un novo plan xeral, primeiro o PP e agora o PSOE son incapaces de dotar á Guarda dun novo planeamento

Infogauda / A Guarda

O BNG, despois das explicacións do Alcalde da Guarda, considera que PSOE está a xogar co novo Plan de Urbanismo (PXOU).
O BNG leva meses preguntando polo novo PXOU en cada pleno e en cada Comisión de Urbanismo que se celebra. Na última comisión de urbanismo o Alcalde do PSOE argumentou un novo retraso porque se estaba a estudar “un convenio urbanístico” para ser incluído no novo PXOU.
O BNG lembra que durante as eleccións do ano 2.007 o actual alcalde dicía que o PXOU era urxente e necesario para A Guarda. Durante o ano 2.012 o Alcalde da Guarda anunciou nos medios, alomenos dúas veces, que teríamos o novo plan de urbanismo.
Para o BNG esta situación demostra a incapacidade do grupo de goberno do PSOE, especialmente do Alcalde como responsábel de urbanismo, que en seis anos de goberno foi incapaz de levar adiante un novo plan de urbanismo.
O BNG considera moi grave que a Guarda non teña actualizado o PXOU
Para o BNG a aprobación dun novo plan de urbanismo é unha necesidade para o pobo da Guarda. Estamos ante un  PXOU con 20 anos de antigüidade que non atende á realidade actual.
As sentencias que o concello está a recibir en contra son froito, entre outras cousas, de non ter actualizado o PXOU. Non se pode vivir cunha regulamentación do ano 1.993 como se non pasase nada. A responsabilidade é do Alcalde da Guarda comentou Xan Lois Lomba, portavoz do BNG.
O BNG insta ao alcalde da Guarda, X.M. Freitas, a deixar o vitimismo asumindo a parte de responsabilidade que ten, deixar de botar balóns fóra e presentar o novo PXOU. En definitiva, pórse a traballar e deixarse de lamentar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario