18 de dec. de 2012

O ROSAL

O PORTAVOZ NACIONAL DO BNG DI QUE “NINGUÉN NUN GOBERNO QUE PERMITE O ROUBO DAS PREFERENTES DEBERÍA DURMIR TRANQUILO”

Guillerme Vázquez  visita aos afectados pechados no concello do Rosal e denuncia que “se hai vítimas do terrorismo, estas persoa son vítimas do terrorismo bancario e da complicidade dos gobernos”





Infogauda / O Rosal

O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, acompañado por responsábeis do BNG, entre eles  a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou hoxe as persoas estafadas polas preferentes que dende hai días manteñen un peche na casa do concello do Rosal.

Guillerme transmitiulles o “total apoio do BNG á súa xusta demanda de recuperar íntegramente os seus aforros, sen quitas”.

En declaracións aos medios, afirmou que “se hai vítimas do terrorismo, estas persoas son vítimas do terrorismo bancario e da complicidade dos gobernos”. Denunciou que “é inmoral que un goberno permita que se lle roube o aforro de toda a vida a persoas humildes e traballadoras”.

E é que para o portavoz nacional do BNG “se hai miles de millóns de euros para a banca, ten que haber devolución íntegra dos cartos a estes estafados”.

Neste sentido, Guillerme dixo que “non sei se ninguén nun goberno que permite o roubo do aforro de xente traballadora e humilde pode durmir tranquilo”.

“Polo tanto -concluíu- , máis unha vez, o BNG esixe unha solución que só pode pasar pola devolución íntegra dos aforros destas persoas”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario