GUILLERME VÁZQUEZ ANIMA DENDE TOMIÑO Á SOCIEDADE GALEGA A “PLANTAR CARA AOS RECORTES E NON PERDER A OPORTUNIDADE DO 21-O”
O portavoz nacional do BNG advirte da espiral de recortes do PP “que non parou e os resultados podemos velos nas alarmantes taxas de paro”
Xosé Manuel Méndez Díaz, Responsábel Comarcal do BNG
Infogauda / Tomiño
O pasado venres o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou ante máis de 200 persoas nunha charla-coloquio en Tomiño xunto co Responsábel Comarcal do BNG, Xosé Manuel Méndez, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, unha persoa afectada polo escándalo das participacións preferentes, e persoas do mundo do ensino e a sanidade públicas.
Na charla-coloquio organizada na Praza do Seixo de Tomiño e ante as máis de 200 asistentes, Guillerme Vázquez animou á sociedade galega a “plantar cara aos recortes, a movernos para parar esta espiral que só conduce a máis miseria económica e social. Os galegos e as galegas temos unha oportunidade de ouro o vindeiro 21 de outubro que non podemos desaproveitar. E para iso é preciso reforzar ao BNG porque é a única forza política nacionalista e de esquerdas que se presenta a estes comicios”.
Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG, afirmou que o PP criminalizada aos parados
O portavoz nacional subliñou que os resultados dos recortes que o PP está a practicar podemos velos cada día, “unhas taxas de paro que van entrar no Guinnes e unha ausencia absoluta de medre económico. Até o FMI dí agora que a Portugal que se está pasando cos recortes e que hai que facer tamén políticas para incentivar o crecemento. Até os gurús do FMI se decatan de que non hai saída á crise con políticas de recortes que están asfixiando ás maiorías sociais”.
O PP criminaliza aos parados
A principal preocupación do PP “tiña que ser o paro. Aí tiña que concentrar os seus esforzos, máis só se lembra dos parados para restrinxir as condicións de acceso á prestación de desemprego, unha prestación que non é un agasallo, é un dereito que temos porque cotizamos cos nosos traballos, iso non hai que esquecelo”. O PP, subliñou, “criminaliza aos parados, e os nomea só en campaña pero logo non fai nada por crear emprego, non fai nada por dar unha saída laboral a tantas persoas desempregadas”. Ao contrario, “son especialistas en destruir empregos e aumentar as taxas do paro”.
Vázquez afirmou que Galiza necesita construir o seu futuro, “animo aos galegos e ás galegas a apostar pola soberanía nacional de Galiza porque a dependencia e a subordinación só nos levaron a estar no furgón de cola do Estado español. Para saír da crise debemos xestionar nós os nosos sectores produtivos para que non pechen explotacións gandeiras, nen o naval, nen se desguacen barcos. Debemos ter nós as decisións sobre a lingua e a cultura”.
En relación á estafa masiva das participacións preferentes, o portavoz nacional do BNG criticou a indiferenza do PP respeito a este grave problema. “Mirade o que aprobaron onte no Congreso, un Real Decreto que deixa en total desprotección aos afectados que podern perder até o 70% dos seus aforros. Un Real Decreto que só se preocupa de sanear a banca privada cos cartos de todos os contribuíntes mentras abandona ás vítimas deste engano bancario”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario