Prorrogamos a exposición “Golfiños na Proa”
durante o mes de maio engadindo mais información para mergullarse no mundo dos
cetáceos.
Manuel Ángel Pombal Diego / Pedornes
As asociacións
Cultural e de Veciños da parroquia de Pedornes (Oia) en colaboración coa
Asociación Naturalista do Baixo Miño (ANABAM) e a Coordinadora para o Estudio
dos Mamíferos Mariños (CEMMA) prorrogan a exposición “Golfiños na Proa” no
Centro Cultural de Pedornes engadindo máis información sobre a caza da balea. Así,
pois, durante este mes de maio incorporamos información sobre os grandes
cetáceos que moran nos nosos mares, as baleas. Aparte dunha introdución ás
especies de cetáceos presentes nas nosas costas, abórdanse temas ben
interesantes tales como o comportamento de baleas e cachalotes, a balea como
recurso mariño en Galicia o longo da historia, a súa caza na antigüidade, a
caza nos séculos XVIII e XIX, o declive da actividade pesqueira, o renacer da
súa caza no século XX, así como cal será o futuro das baleas nos nosos mares e
océanos.
Aproveitando que
este mes de maio se celebra a festa do Santísimo na parroquia os próximos días
17, 18 e 19, haberá mais posibilidades para visitar a exposición que estará
aberta ao público os días 1, 6, 13, 17, 18, 19, 20 e 27 de 16.00 a 22.30 h.
Convidamos, pois a todos os naturalistas, ecoloxistas ou namorados do noso mar
e dos cetáceos a que visiten esta interesante exposición producida pola CEMMA.
Aproveitamos
para lembrar que, mentres non se esgoten as existencias, todos visitantes son
agasallados cun exemplar do caderno de campo que leva por título “Especies
mariñas ameazadas: cetáceos e aves”, editado recentemente pola CEMMA cunha
subvención do GAC.

Ningún comentario:
Publicar un comentario