11 de feb. de 2012

TUI

O BNG de Tui presenta no rexistro do concello unha moción para defender a sanidade pública en Galiza

Infogauda / Tui

O BNG de Tui presentou no rexistro do concello o 10 de febreiro de 2012 o seu apoio á Iniciativa popular da Plataforma SOS Sanidade Pública coa finalidade de deter a política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública impulsada polo actual Goberno Galego e co fin de garantir o dereito constitucional á protección da saúde dos galegos e galegas.

O BNG entende que a sanidade pública constitúe -xunto co ensino, os servizos sociais e outros servizos píblicos- un elemento básico do Estado Social e un claro indicador de xustiza social. Porén, nas últimas décadas, estes principios aparecen cuestionados por unha campaña neoliberal de ataque e desmantelamento dos sistemas públicos de saúde.

Téñense reducido os orzamentos destinados á sanidade ao tempo que se derivan ao sector privado para construír, restaurar, equipar e xestionar centros sanitarios.

Esta forma de xestionar do PP leva a unha situación de limitación dos recursos necesarios para o mantemento da actividade dos servizos pondo en risco un dos valores mais importantes para a poboación: o uso universal e gratuíto da sanidade.

O BNG apoia a proposición de Lei, presentada pola Plataforma SOS Sanidade Pública vía iniciativa popular, para frear esa tendencia privatizadora mediante a defensa e promoción da sanidade pública galega como garantía para a efectividade do dereito constitucional á protección da saúde.

Desta maneira o BNG propón ao Pleno da Corporación Municipal que adopte os seguintes acordos:

PRIMEIRO- Manifestar o apoio da Corporación municipal á Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola Plataforma SOS Sanidade Pública e dar traslado do mesmo á presidenta do Parlamento de Galiza, portavoces parlamentares e presidente da Xunta de Galiza.

SEGUNDO- Animar aos veciños e veciñas do noso concello a colaborar con esta iniciativa.

TERCEIRO- Instar á Xunta de Galiza e á Consellaría de Sanidade a garantir a Sanidade Pública como servizo universal, gratuíto e de calidade e a manter a xestión pública e directa do Sistema de Saúde de Galiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario