18 de feb. de 2012

O ROSAL

O BNG do Rosal presenta unha proposta de apoio á Sanidade Pública


Alberte Alonso e Carlos Villanueva, concelleiros do Grupo Municipal do BNG no Concello do Rosal

Infogauda / O Rosal

O BNG do Rosal ven de presentar unha proposta no concello, coa finalidade de deter a política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública impulsada polo actual Goberno Galego.

Na iniciativa presentada, os nacionalistas solicitan o apoio de toda a corporación municipal á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que a Plataforma SOS Sanidade Pública está a promover coa mesma finalidade e que pretende garantir o dereito constitucional á protección da saúde dos galegos e galegas.

O PP favorece o sector privado

A sanidade pública constitúe -xunto co ensino e os demais servizos públicos- un elemento básico do Estado Social e un claro indicador de equidade e solidariedade, indica o BNG. Pola contra, nas últimas décadas, estes principios aparecen cuestionados por unha campaña neoliberal de ataque e desmantelamento dos sistemas públicos de saúde. A decisión de combinar unha redución do orzamento sanitario co recurso ao sector privado para construír, restaurar, equipar e xestionar os centros sanitarios leva ao sistema a unha situación de limitación dos recursos necesarios para o mantemento da actividade dos servizos, e a un grao de endebedamento incompatíbel co sustento do sistema público, cando menos nas condicións actuais de universalidade e gratuidade no momento do uso, e que garanten a accesibilidade á atención de saúde e condicións equitativas para toda a poboación.

Así pois, a proposición de Lei opta expresamente pola xestión pública directa das institucións sanitarias do Sistema de Saúde de Galiza, na liña histórica marcada pola Lei 14/1986, do 25 de abril, Xeral de Sanidade. Rexéitanse así as fórmulas de colaboración público-privada, que en países do noso contorno produciron un contrastado empeoramento da calidade asistencial e un enorme aumento dos custos sanitarios.

A proposición de Lei pretende tamén mellorar o servizo público prestado á cidadanía incrementando a capacidade resolutiva en atención primaria como instrumento de achegamento dos servizos de saúde ao territorio e que terá unha grande incidencia na redución dos tempos de espera hospitalaria.

Finalmente, a proposición de Lei configura un sistema de xestión descentralizado territorialmente, promovendo a autonomía das áreas sanitarias, sen que isto supoña a renuncia a decisións centralizadas sobre cuestións concretas que melloren a efectividade das decisións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario