O BNG propón declarar o 24 de febreiro “Día de Rosalía de Castro”
“A obra de Rosalía de Castro é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade”
Hortensia García e Xan Lois Lomba, concelleira e Portavoz Municipal do BNG na Guarda.
Infogauda / A Guarda
O Bloque Nacionalista Galego ven de presentar no rexistro do concello unha moción para declarar o 24 de febreiro “Día de Rosalía de Castro” no Concello da Guarda.
Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.
Por todos estes motivos a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.
Dende o BNG proponse a declaración do 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, emprendendo e apoiando a realización de actividades de promoción da obra rosaliana.
“A dimensión feminista, a defensa da nosa terra e da nosa lingua que caracteriza a súa obra, fan de Rosalía de Castro un referente fundamental para presentes e futuras xeracións de galegos e galegas que non debemos esquecer”, comentou Hortensia García, Responsábel da muller e concelleira do BNG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario