2 de ago. de 2011

A GUARDA

Comunicado de prensa do BNG sobre o pleno ordinario de xullo



No pleno do pasado día 29 de xullo, o BNG mantivo a súa posición con respecto aos soldos do grupo de goberno no concello da Guarda. Unha postura firme e coherente que contrasta coa sorprendente abstención de Converxencia Galega. Sorprende tamén o seu posicionamento errático, en apenas vinte días pasaron de poñer enriba da mesa a proposta máis restritiva, 85.000 €, a dar por boa a proposta do PSOE, 114.000 €.
Para o BNG resulta incomprensíbel, mesmo preocupante, que un grupo político vote en contra e logo se absteña coa mesma proposta en tan curto espazo de tempo. O que xa chega a resultar traxicómico é que tenten xustificar esta viraxe, non con argumentos, se non con ataques ao Bloque Nacionalista Galego. É tal a deriva de Converxencia Galega, que nas cifras que presentan sobre os soldos dos Alcaldes e Alcaldesas da comarca, os do BNG son os que menos cobran. Esta formación política segue, agora, os argumentos do PSOE ao pé da letra, por que non o fixeron hai 15 días? Que mudou?
O BNG, ao igual que o pobo da Guarda, ten a certeza de que, máis cedo que tarde, serán públicos os verdadeiros motivos que levaron a CG a esta “xenerosidade” sen igual, e ao grupo de goberno do PSOE a aceptar semellantes compañeiros de viaxe. Compañeiros que non son descoñecidos para o Alcalde da Guarda, malia que hai uns anos os acusaban de empuñar “dardos envelenados” e “puñais traizoeiros” coa mesma man que hoxe veñen de asinar a súa nómina, polo que parece os cartos serviron para limpar a memoria dalgúns.
O grupo municipal do BNG na Guarda seguirá a desenvolver o seu traballo político con responsabilidade. Non é costume desta formación política perder o tempo cos probes intentos de provocación dos que, a falta de argumentos, tentan lavar a súa imaxe esparexendo veleno
.


(R)

Ningún comentario:

Publicar un comentario