O II Ciclo de Concertos ás Beiras do Miño leva á Orquestra Clásica de Vigo a ambos lados da raia
• A orquestra clásica de Vigo pechará o ciclo na Guarda cun concerto, o sábado 16 de agosto, ás 21:00h no auditorio de San Bieito
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Vén de presentarse no Monte Santa Trega, o II Ciclo de Concertos á Beira do Miño que levará concertos da Orquestra Clásica de Vigo a ambos dous lados da raia.
O ano pasado iniciouse este ciclo para fortalecer os lazos culturais entre Portugal e Galicia a través da cultura. Estes concertos contan coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e percorrerán os concellos das Neves, Melgaço, Caminha e A Guarda.
A Guarda será o punto e final deste ciclo o sábado 16 de agosto cun concerto ás 21:00h no auditorio de San Bieito. Os concertos céntranse este ano na figura de Ludwig van Beethoven.
Ao acto de presentación acudiron o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; e os concelleiros Celso Rodríguez Fariñas e Isidro Lomba Lorenzo. O rexedor de A Guarda destacou que “a cooperación cos nosos veciños de Portugal debe ser en todos os sentidos, tamén na cultura”.
No mesmo senso, o presidente da Deputación de Pontevedra, tamén destacou que “tendemos pontes culturais entre ambas beiras do Miño”.
Pola Câmara Municipal de Caminha asistiu o vereador João António Branco Pinto que asegurou que “somos o mesmo pobo e a sentimos a mesma cultura. Ademais a música une pobos”.
Tamén asistiron os directores artístico e técnico da orquestra, Manuel Martínez Álvarez-Nava e Manuel Martínez Torres, que aseguraron que “é unha oportunidade para a Clásica de saír do seu ámbito natural de teatros de Vigo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario