10 de maio de 2011

O CONDADO

Louzán confía en ampliar a maioría que o PP ten en Covelo


O presidente provincial acompañou aos candidatos de Covelo, Crecente e Mondariz nun percorrido polas súas respectivas localidades


O presidente provincial do PP, Rafael Louzán destacou hoxe a longa e froitífera traxectoria do actual alcalde de Covelo e candidato a revalidar este cargo e amosouse confiado en que, o aval do traballo ben feito, permitirá “subir o listón” dos 7 concelleiros que ten na actualidade.
En resposta a preguntas dos xornalistas sobre unha enquisa que daría o “pleno” ao PP en Covelo, con 11 concelleiros, Rafael Louzán asegurou que “ogallá, pero é algo moi difícil”. Nesta liña incidiu en que, aínda que o esforzo e a entrega ao seu concello que José Costa leva anos demostrando e, especialmente, a gran labor realizada a prol do desenvolvemento do municipio nos últimos catro anos, vai ter a súa recompensa o 22 de Maio cun incremento do apio electoral, “as outras forzas políticas tamén están aí”.
Tras destacar que a José Costa o avala a súa capacidade de xestión, e a unidade que ten en torno a el e a modernización que impulsou na vila, sen renunciar á conservación do seu patrimonio cultural, Rafael Louzán valorou o equipo do PP de Covelo, asegurando que se trata dun grupo de homes e mulleres que está a apostar forte polo municipio e que ten e terá como un dos eixes fundamentais da súa actividade a adopción de medidas orientadas a fixar poboación no municipio.
Neste campo, Louzán falou da necesidade de ofrecer a todas as zonas do concello servizos de calidade, como o acceso a Internet, algo que se está conseguir en Covelo grazas ao proxecto Repoblar, da Deputación, que dá cobertura de banda larga a todo o concello. O líder provincial asegurou que as zonas de sombra que quedan nestes momentos “vanse corrixir nos próximos meses”, de forma que os veciños e veciñas das áreas rurais poidan acceder sen problema ao que cualificou como “unha ferramenta de traballo fundamental hoxe en día”.
Durante a estadía en Covelo, Louzán visitou as obras de mellora da estrada Covelo-Barcia de Mera, que a Deputación provincial está financiando e que era unha demanda veciñal.


O presidente provincial visita tamén hoxe Crecente e Mondariz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario