14 de maio de 2011

A GUARDA

XOSÉ CARLOS GÓMEZ ALFARO: SEMPRE NA LEMBRANZA DOS BOS E XENEROSOS




· Seu legado literario é dunha calidade poética que difícilmente terá parangón posible.

· Compre da-los pasos, dunha vez por todas, cara a debida homenaxe institucional do concello da Guarda, que a figura humana e poética de Xosé Carlos Gómez Alfaro merece

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda


Este 14 de maio de 2011 cúmprese o terceiro cabodano do prematuro pasamento do escritor e poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro (As Chabolas – Ribadavia, 10 de febreiro de 1949 – A Guarda, 14 de maio de 2008).
A día de hoxe os concellos de Cenlle e de Ribadavia, xa levaron a bó termo varios actos de homenaxe póstuma o escritor e poeta, tanto de xeito individual, como conxuntamente. Neste caso coa participación do Centro P.E.N. Galicia, que preside Luís González Tosar.
Na vila de A Guarda, onde o poeta residiu ó longo de máis da metade da súa existencia vital, onde desenvolveu súa labor docente e onde creou unha boa mostra do seu inigualable labor literario, e tamén onde presentou a meirande parte da súa producción poética; a Corporación Municipal, en xeral – agás algunhas excepcións -, e o grupo maioritario de goberno, en particular, aínda non deberon atopar méritos suficientes para iniciar e levar a bó termo, o correspondente expedente de honras e distincións. Expedente, que debera conlevar a proposta - e posterior acordo - de nomear Fillo Adoptivo de A Guarda, o poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro.
A referida proposta ben podería redondearse instaurando un premio de poesía que leve o nome do poeta “que se identificou como guardés nacido en As Chabolas, como un fillo do Miño parido á beira do Avia a quen podemos considerar como o noso mellor poeta dos últimos tempos”.
Na moción presentada en maio de 2009, polo concelleiro Celso Rodríguez Fariñas, tamén se propuña a realización dunha serie de conferencias ás que deberíase convidar a participar a aqueles académicos, autores, críticos e editores que trataron a Xosé Carlos Gómez Alfaro.
A devandita moción, que foi presentada no rexistro municipal de entradas logo de cumplirse o primeiro cabodano do pasamento do poeta X. C. Gómez Alfaro, é decir, logo de transcorrer un tempo que poderíamos considerar máis que prudencial, precisamente para que ninguén puidese argumentar nada en contra; ben puido haber sido tratada coa merecida xenerosidade, na Comisión de Asuntos Plenarios previa a sesión ordinaria do Concello Pleno. E se a presidencia da devandita Comisión hubera querido, a proposta podería ser asumida, con toda probabilidade, por tódolos grupos municipais. Coidamos que fallou á sensibilidade necesaria para que esa proposta fose refrendada, desde antes da sesión plenaria, pola meirande parte, ou – como sería desexable – pola totalidade dos grupos e concelleiros.
Que a moción fose presentada no tempo e na forma, por quen foi, debeuse precisamente, o propósito de agardar a que o grupo de goberno movese ficha. Como lamentablemente por parte do grupo maioritario non houbo ningunha iniciativa o respecto, era evidente que correspondía que alguén o fixese. Mágoa que a visión que algúns poden ter – e así o demostran –, sobor dalgúns temas, como o que nos ocupa, sexa tan cativa.


XOSÉ CARLOS GÓMEZ ALFARO, UN DOS POETAS MÁIS GRANDES DO NOSO PAÍS
Xosé Carlos Gómez Alfaro, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, profesor – desde 1978 – de Ensino Secundario, no Colexio PP. Somascos, de A Guarda, foi un activo articulista, escritor e poeta. Colabourou en diversos medios de comunicación galegos, obtendo varios premios xornalísticos.
Súa traxectoria poética xurde en 1969, coa pubricación dunha obra en castelán – De rodillas –, pubricada en Bilbao, pola Editorial CLA.
Desde 1970 sempre escrebeu en galego.
Súa obra poética está representada nos seguintes poemarios: As labaradas da lembranza (autoedición), 1996; Matria da néboa, Edicións do Castro (Sada, A Coruña, 1997); Os ciclóns do sino, Deputación de Ourense, 1997; Alba plena do alén, Edicións Espiral Maior (A Coruña, 1997); Pasos cara á alba, 2000; Alén do lume (Edicións Espiral Maior, 2002), e O clamor da eclipse, co que obtivo o Premio de Poesía Cidade de Ourense, en 2004.
En 2005 pubricou Confíteor, poemario de temática cívico-relixiosa, na Colección Hipocampo, de Litoral das Rías.
En 2006 gaña novamente o Premio de Poesía Cidade de Ourense, co poemario Mar aberto, que foi pubricado ese mesmo ano.
Logo do seu pasamento, descobremos Altaluz, seu poemario póstumo, incruido na obra en dous tomos, Poesia galega toda, edición promovida polo Pen Club de Galicia.
O calidade literaria de Xosé Carlos Gómez Alfaro foille refrendada en boa hora, con varios e importantes premios, como: Meigas e Trasgos, Rosalía de Castro, Concello de Marin, Feliciano Rolán e Antón Tovar, entre outros.
O legado literario de Xosé Carlos Gómez Alfaro é dunha calidade poética que difícilmente terá parangón posible. Gómez Alfaro foi sen dúbida, un dos poetas máis grandes do noso país.


A GUARDA UN FITO NA XEOGRAFÍA POÉTICA ALFARIANA
Como xa afirmanos oportunamente, A Guarda, o igoal que As Chabolas, Sadurnin, Cenlle, Ribadavia, Ourense, Compostela,..., forman parte dunha saudosa xeografía alfariana.
Queda moito por decir e por facer, en lembranza de quen tanto deu pola Guarda. Endexamais esqueceremos o aporte cultural que X. C. Gómez Alfaro nos brindou nesta vila que o acolleu con agarimo, e que seguiráo apreciando por sempre. Alomenos a cidadanía, como xa quedou ben patente, tanto a traverso de varios escritos presentados no rexistro municipal de entradas do concello guardés, apoiando a proposta de decrarar á Xosé Carlos Gómez Alfaro, Fillo Adoptivo de A Guarda, - que por certo o alcalde aínda non se dignou trasladar os propoñentes a oportuna resposta - como no acto de homenaxe póstuma o poeta, organizado pola Asociación InfoMAXE, que tivo lugar no Salón dos Espellos, do Colexio PP. Somascos, o 27 de novembro de 2009.
Confiamos en que dunha vez por todas, os vindeiros membros da Corporación Municipal do Concello da Guarda saiban estar á altura das circunstancias, e teñan a ben da-los pasos necesarios cara a homenaxe cívica que a figura humana, e a obra literaria, prosística e xornalística de Xosé Carlos Gómez Alfaro merece.


Xosé Carlos Gómez Alfaro, sempre,... sempre,... na nosa lembranza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario