21 de abr. de 2011

VIGO

Vigo, a única parada de BNegão e DJ Negralha en España


Este venres, 22 de abril, ás 21.30 horas a Fábrica de Chocolate acollerá o concerto de dous dos máximos referentes do hip-hop e o rap brasileiros da actualidade, o que fora cantante da banda Planet Hemp, agora líder de Selectores de Frecuencia, xunto a un dos compoñentes do grupo O Rappa.

Logo de cinco anos da súa última visita a Galicia, Bnegão, acompañado do Dj Negralha, tocará precisamente na sala que lle abriu as portas ao público vigués, La Fábrica de Chocolate. Naquel momento coa súa banda, agora en solitario xunto a DJ Negralha, prometen unha noite que nos trasladará até o Brasil máis underground, até as favelas de Río de Xaneiro.

Temas do primeiro disco de BNegão en solitario “Enxugando Gelo”, publicado en novembro de 2003, algunhas das cancións máis coreadas polos seus seguidores como “Dorobo” “Funk Ata o Caroço” ou a “Verdadeira Dança do Patiñho”. Máis de dúas horas de concerto con novos temas e improvisacións, mesturando a Samba de Raíz co Funk Carioca e o Reggae.

Vigo será a única parada que fagan en España estes dous artistas con máis de dez anos de traxectoria, múltiples proxectos, concertos e colaboracións que os levaron a tocar e gravar con algúns dos principais músicos de Brasil e do mundo como Tony Allen (Fela Kuti), Public Enemy, Manu Chao, Afrika Bambaaata, Sepultura, Naçao Zumbi, (Copa 5, Jorge Ben), James Brown, Miles Davis, BB King, Macaco, Slackers ou a New York Ska Jazz Ensemble, que estivo por Vigo o pasado mes de xaneiro.

BNegão e DJ Negralha chegarán á cidade Olívica da man da Asociación Minho Reggae, que continúa coa súa programación anual, mentres están somerxidos, de cheo, na preparación da segunda edición do Minho Reggae Splash, que se celebrara o 8 e 9 de xullo no municipio luso de Vila Nova de Cerveira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario