21 de abr. de 2011

PONTEVEDRA

UN TOTAL DE 2.500 FAMILIAS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA SOLICITARON A ALTA EN REPOBLAR




O 63% dos solicitantes xa dispoñen de Internet de Banda Larga grazas o programa Repoblar da Deputación de Pontevedra





A Deputación de Pontevedra, reunida hoxe en Xunta de Goberno, fixo público o balance das solicitudes de alta recibidas para os servizos do proxecto Repoblar. Este plan de acceso a Internet de Banda Larga, auspiciado baixo a marca Tngo de Iberbanda, foi solicitado xa por preto de 2.500 familias da provincia de Pontevedra, procedentes dos 55 concellos que se adheriron.
Baixo Repoblar, Iberbanda comercializa servizos tanto de voz como de datos, sendo o de 1 Mbps, subvencionado pola Deputación, o produto máis demandado polos usuarios (tamén se ofrecen 3 Mbps co prezo usual de Tngo). En canto ó prezo, este atópase entre os máis baratos de España: 17 €/mes para 1 Mb de baixada e 384 Kb de subida.
A posta en marcha deste proxecto supuxo a colocación de 54 emprazamentos (21 de Retegal e 33 de nova construción). Para elo, a Deputación investiu 5,9 millóns de euros, que foron completados coa inversión de 1,5 millóns da empresa pública Retegal.
Dunha poboación total 436.281 habitantes, dos 55 concellos adheridos, despois desta actuación teñen acceso á Banda Larga de Internet 422.516 persoas (o 96%), o que significa que este plan posibilita o acceso a preto de 359.607 veciños que no tiñan ningunha posibilidade real de acceso a través das compañías comercias convencionais.

O 63% dos solicitantes xa teñen acceso a Internet
En canto o estado das solicitudes de alta, na actualidade están repartidas do seguinte xeito: o 63% (unhas 1.500) xa están executadas, o 12% están en proceso de execución e o 25% restante está en espera debido a problemas transitorios de cobertura, cancelación, etc.

Altas por comarcas
A comarca de Pontevedra rexistrou un total de 362 familias adscritas ó programa Repoblar. O municipio con máis adhesións foi Cotobade, seguido de Pontecaldelas, A Lama, Poio, Barro, Vilaboa e Campo Lameiro.
Na comarca de Vigo rexistráronse 101 altas no servizo, sendo Fornelos de Montes o concello con maior número de adhesións, seguido de Pazos de Borbén e Soutomaior.
En Arousa, o municipio con máis familias adscritas ó programa Repoblar foi Meis, seguido de cerca por Ribadumia, Cambados, Sanxenxo, Meaño, O Grove, A Illa de Arousa e Vilanova de Arousa. O total de subscricións contabilizadas nesta comarca ascende ás 316.
A comarca de Caldas foi a segunda en canto ó número de beneficiarios, rexistrando un total de 487 altas. No ránking por concellos Valga foi o que tivo maior número de demandas deste servizo, seguido de Portas, Caldas de Reis, Cuntis, Catoira, Moraña e Pontecesures.
O Morrazo foi a comarca con menos seguimento, con 53 familias adscritas ó programa Repoblar nos concellos de Bueu e Moaña.
O maior número de solicitudes deuse na comarca do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, cun total de 645 familias adheridas a este programa de acceso a Internet de Banda Larga. Os municipios do Deza (544 altas en total) de maior a menor número de solicitantes foron: Lalín, Rodeiro, Vila de Cruces, Dozón, Agolada e Silleda; mentres que os de Tabeirós-Terra de Montes (101 altas) foron Cerdedo seguido de Forcarei.
As comarcas de Baixo Miño e Val Miñor, empataron no número de altas con cadansúas 87 familias adscritas ó servizo. Á cabeza da lista de adhesións por concello está: no Baixo Miño, o municipio de Tui, seguido de O Rosal, Tomiño, A Guarda e Oia; e no Val Miñor, Gondomar, seguido de Nigrán e Baiona.
Na comarca de Louriña déronse un total de 117 altas. O Porriño foi o concello que maior número de solicitudes cursou, seguido moi de preto por Mos.
E, por último, as comarcas do Condado-Paradanta sumaron un total de 285 altas no programa Repoblar (213 altas en O Condado e 52 en Paradanta). En O Condado foi Ponteareas o municipio con máis familias beneficiarias, seguido de As Neves, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Mondariz e Mondariz Balneario; mentres que en Paradanta foi Crecente, seguido por Arbo, Covelo e A Cañiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario