LIROLAI VAI A MÁIS
O grupo de pandereteiras/os e música tradicional Lirolai participa no I Certame de Músicas Emerxentes Novo Son, da Radio Galega
O grupo de pandereteiras/os e música tradicional Lirolai nace no interior da Agrupación Musical do Rosal, sendo este un máis dos proxectos levados a cabo por esta asociación que conta entre outras cousas con escola de música, banda, coral, grupos de cámara, etc. O grupo consta de doce compoñentes, cinco homes e sete mulleres que interpretan repertorio cantando, pezas de pandereteiras, temas instrumentais con gaitas, acordeóns, saxo, tamboril e bombo, e versións mixtas de canto e instrumentación. Posúen un amplo repertorio de cancións de recollida de diferentes zonas de Galicia, así como versións de temas populares e tamén pezas de composición propia. Lirolai fae a súa presentación o 1 de marzo de 2008 no Centro Social de Estás (Tomiño) e desde entón actúan en diversos eventos culturais: Centro Cultura da Guarda, auditorio do centro cultural Helios de Bembrive, casa cultural e veciñal de Camposancos e auditorio do Rosal tamén asisten a diferentes festas coma San Gregorio e festa das letras Galegas do Rosal, I Festa do kiwi en Tomiño, XVI Festa Luso-Galaica en Vilanova de Cerveira, así como infinidade de seráns e foliadas dos concellos do Rosal, Oia, Tomiño, Tui e Porriño. Tamén ten feito colaboracións coa coral da Agrupación Musical do Rosal e co grupo Folk Deixandar, tamén do Rosal. No mes de novembro do 2009 desprázase ata Vitoria para actuar no Centro galego desta cidade, acadando un importante recoñecemento por parte do público asistente. En xuño de 2010 actua na Festa do mar e da sardinha en Vila praia de Áncora no veciño Portugal. Este ano 2011 colabora no programa da Televisión de Galicia "Vaia Troula" e actua en directo para o programa da mesma canle "A Solaina". Actualmente graba algúns temas nos estudios de grabación "Baixo Miño", temas dos cales se presentan ó concurso da Radio Galega "Novo Son", competindo con algúns dos máis prestixiosos artistas do actual panorama musical galego.
Fonte: Lirolai

Ningún comentario:
Publicar un comentario