O BNG acada un acordo plenario para apoiar a frota pesqueira galega
Xan Lois Lomba Alonso, voceiro municipal do BNG no concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
O BNG presentou, no pleno do concello da Guarda, unha moción na que se solicita o apoio á frota pesqueira galega e á guardesa en particular. A moción foi aprobada coa abstención do PP. Na resolución da moción, o BNG insta á Xunta de Galiza a demandar ao Goberno español a convocatoria urxente dun Consello de Ministros da Unión Europea que posibilite o incremento das cotas de pesca asignadas á frota galega, claramente insuficientes. Asemade, solicítase a presenza de Galiza neste proceso negociador. O BNG salienta que os acordos da UE sobre as actuais cotas pesqueiras foron tomados co voto favorábel do Goberno español e que contou, en representación de Galiza, coa Comunidade Autónoma de Extremadura. Para o BNG é un disparate que, durante estes anos,os representantes do Estado español na Unión Europea en temas de pesca sexan Castela-A Mancha, Castela León e Extremadura con consecuencias devastadoras para Galiza. Estes acordos teñen unhas consecuencias nefastas para a frota guardesa que, con 8 barcos, faena no Cantábrico na costeira da xarda. O Portavoz municipal do BNG, Xan Lois Lomba, e o deputado de pesca, Bieito Lobeira, tiveron un encontro cos mariñeiros afectados pola redución das cotas. O BNG amosou o apoio a estas familias ante a situación que están a pasar. Na mesma reunión, analizáronse as diferentes iniciativas que o BNG leva presentado, no Parlamento Galego, no Español e mesmo na Unión Europea, en defensa da frota pesqueira galega e dos dereitos de Galiza a poder pescar como potencia pesqueira que é. Ao mesmo tempo, o concelleiro do BNG comunicou a presentación dunha moción no concello para conseguir o apoio á frota guardesa, iniciativa que foi recibida con moita satisfacción por parte dos mariñeiros. “É inaceptábel que a nosa frota, con traballo para uns 3 meses, teña que vir para casa con apenas 15 días de traballo e, o que é peor, sen apoio das administracións públicas”, comentou Xan Lois. O BNG considera imprescindíbel o apoio ao sector pesqueiro artesanal, que xera postos de traballo directos e indirectos no concello da Guarda. Para o BNG a aposta polos sectores produtivos do país é garantía de creación de emprego e de loita contra a crise económica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario