14 de mar. de 2011

VIGO

GEMMA MARQUÉS EXPÓN ATÉ O VINDEIRO DOMINGO DÍA 20 DESTE MES, NA SALA II DE NOVACAIXALICIA

A pintora Gemma Marqués Redondo, na Casa Taller, sita na Rúa Malteses, de A Guarda

Vespa, unha das obras máis recentes de Gemma Marqués

Infogauda / Vigo
A Sala 2 de NovaCaixaGalicia, na rúa Velázquez Moreno, 18, fronte á Casa do Libro, na cidade de Vigo, acolle desde o pasado día 23 de febreiro ate o vindeiro domingo día 20 de marzo, unha exposición de pinturas de Gemma Marqués Redondo (Burgos, 1981). A mostra titulada "Retratos e bodegóns" consta dunha vintena de obras das últimas series que a artista burgalesa, afincada na Guarda, realizou nos últimos anos: Retratos ao óleo por encargo, bodegóns urbanos, colectores e bidóns, mariñas e gamelas da Guarda; así como unha serie de Vespas antigas.
A exposición esta aberta ao púbico en horario, de luns a venres de 18:00 a 21:00 horas e fins de semana e festivos de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas.
GEMMA MARQUÉS: ASCENDENTE TRAXECTORIA ARTÍSTICA

Desde moi pequena, interesada no debuxo e a pintura, Gemma Marqués non dubida da súa vocación e cursa o Bacharelato Artístico na Escola de Artes e Oficios de Burgos, para acabar sendo Licenciada en Belas Artes na especialidade de pintura no ano 2004, na Universidade de Vigo. Interesada polo retrato, no ano 2005 realiza un máster titulado "A Cabeza humana, o Retrato e o Autorretrato" na Universidade Complutense de Madrid, obtendo a máxima cualificación, sendo a máis nova, o que a levou a realizar numerosos retratos por encargo de xeito profesional desde ese mesmo ano ata hoxe.
Para completar a súa formación, no ano 2006 participou en diversos talleres de pintura na Academia de Realismo Contemporáneo de Chinchón, en Madrid, sobre a paisaxe, o bodegón e o retrato. Ademais, asistiu a numerosos cursos teóricos sobre historia da Arte, desde a Antigüidade ata o século XXI, e estudou a vida e obra das principais Mulleres na Arte, no curso "Ausencias e presenzas, musas e Artistas", impartidos por Ana Pereira en NovaCaixaGalicia e participou no Libro "100 Mulleres galegas. Artistas emerxentes" editado en 2010. Recentemente, asistiu a "The Paul Mellon Lectures" 2011 na National Gallery de Londres, conferencia sobre Beleza e estética na Pintura.
Como premio á súa obra, foi seleccionada por segunda vez consecutiva na máis importante Bienal de pintura da Península Ibérica, a Bienal de Pintura do Eixo Atlántico do Nororeste Peninsular, participando nunha exposición itinerante por unha vintena de cidades de Galicia e Portugal ata 2012.
Tamén gañou en 2008 o 1º Premio de Pintura Nova da Omix de Tomiño, Pontevedra. Ademais, a súa obra foi seleccionada no V Premio de pintura e escultura "Artistas do Alto Miño", en Vilanova de Cerveira, Portugal e para a Exposición Colectiva Pintores Noveis París - MontePego, Galerías Fivars, Pego, Alacante, expondo a súa obra en París no ano 2009.
A obra de Gemma Marqués irradia forza e carácter, a cor é o seu aceno de identidade, saturado, pero sempre en gama, capta hábilmente os sutís matices da pel, os brillos do cabelo, dos obxectos metálicos, da Natureza, os contrastes entre o natural e o artificial. Fainos ver máis aló do aparente, do real, para revelarnos o que pasa desapercibido para calquera, menos para quen observa sixilosamente o que lle rodea, para devolverllo ao espectador que agora sí, observa atónito o que sempre estivo diante dos seus ollos, pero nunca lograra ver.

Ningún comentario:

Publicar un comentario