A DEPUTACIÓN EDITA UN LIBRO SOBRE A HISTORIA DA MULLER NO OURENSE DE COMEZOS DO SÉCULO XX

A Deputación de Ourense presentou hoxe o libro “Entre a tradición e o cambio en Galicia. As mulleres na sociedade ourensá de comezos do século XX”, do que son autoras Carmen Benso Calvo e Rosa María Cid Galante. Trátase dun traballo de investigación sobre o desenvolvemento da muller galega, máis concretamente, a ourensá na sociedade de comezos do pasado século XX.
O acto contou coa presenza das autoras e do presidente da Deputación, José Luis Baltar, quen dixo que esta obra “ven a ser unha homenaxe nestas datas tan sinaladas en que estamos celebrando o Día Internacional da Muller, para seguir reivindicando o importante papel que a muller desenvolve na sociedade, aínda que ese recoñecemento debemos facelo extensivo aos 365 días do ano e non só nun día”.
Carmen Benso Calvo é Profesora Titular na Área de Teoría e Historia da Educación da Universidade de Vigo (Campus de Ourense). Especializada no campo da Historia da Educación ten ao seu cargo as materias de Historia da Escola, na titulación de Psicopedagoxía, e Historia da Educación Social, na titulación de Educación Social. Cultivou diversas liñas de investigación entre as que destacan a historia do libro e do currículo escolar, a historia do ensino secundario, así como a muller e a educación; todas elas dende a dobre perspectiva, española e galega.
Carmen Benso dixo que a obra reflexa unha época en Ourense, os comezos do século XX, no que se estaban a producir importantes cambios sociais, educativos e políticos, nos que a muller comezaba a cobrar protagonismo”. Neste senso, Rosa Cid, explicou que o traballo investigador para facer o libro empregou dez anos, “porque quería analizar todos os aspectos da muller daquela época, tanto no que atinxe á demografía como a cultura, movementos sociais e o aspecto laboral”.
No amplo currículo de Carmen Benso destacan as súas últimas publicacións: Controlar y distinguir. La enseñanza de la urbanidad en las escuelas del siglo XIX (Vigo, Servicio de Publicacións da Universidad de Vigo, 1997), “Los destinatarios del Bachillerato en Galicia. Estudio geográfico y social del alumnado orensano” (Revista de Educación, nº 305, 1994); “Los inicios del bachillerato tradicional en Galicia (1900-1930)” (Historia de la Educación, revista Interuniversitaria, nº 17, 1998); “El libro de texto en la enseñanza secundaria (1845-1905)” (Revista de Educación, nº 323, 2000); “Ser profesor de bachillerato. Los inicios de la profesión docente” (Revista de Educación, nº 329, 2002); “De la urbanidad a la educación cívico-social. El tratamiento curricular de la urbanidad en la escuela franquista” (Revista Española de Pedagogía, nº 225, 2003).
Rosa María Cid Galante, natural de Ourense (1966), é doutora en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo, título acadado pola tese de doutoramento “Muller e Educación en Ourense (1900-1930) dirixida por Camen Benso Calvo, traballo de investigación ao que se lle outorgou o Premio Extraordinario. Ademais é diplomada en Educación Xeral Básica e licenciada en Psicopedagoxía. Actualmente é profesora titular do Departamento de Xeografía e Historia no IES Universidade Laboral de Ourense.
Publicou artigos varios sobre o acceso das primeiras mulleres ourensás aos estudos superiores e outros sobre o estado educativo da provincia de comezos de século, entre eles cabe citar: “A realidade social e vivencial da muller ourensá a comezos de século (1900-1930)”; “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria. 1900-1930”; “A incorporación nos estudios secundarios e universitarios das mulleres do Partido Xudicial de Xinzo. 1900-1930”; “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940)”; “Grao de participación da muller ourensá en movementos asociativos, políticos e reivindicativos (1920-1936); “A percepción dos docentes de ensino primario ourensán a comezos de século XX: un profesorado en entredito”; “As orixes da Escola Normal de Mestras de Ourense”. Xunto con Carmen Benso publicou “A ensinanza privada en Ourense a principios do século XX”; “A incorporación das mulleres ourensás ao ensino secundario (1900-1930)”, e “Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario