O BNG solicita aclaracións sobre a redución das beirarrúas en Mariano Ordóñez
O BNG entende o urbanismo como un instrumento ao servizo do pobo, con centros urbanos onde prime a presenza dos peóns sobre os vehículos
Infogauda / A Guarda
O portavoz municipal do BNG, Xan Lois Lomba, presentou un escrito no concello da Guarda solicitando aclaracións sobre o drástico recorte das beirarrúas en Mariano Ordóñez. As obras de urbanización deste vieiro, que conta cun orzamento de máis de 220.000€, están a piques de rematar. O proxecto orixinal contemplaba unha calzada de 3,50 m. e unhas beirarrúas de 1,80 m. Tendo así, como resultado final, unha rúa con prioridade peonil. Neste intre, o proxecto mudou e as beirarrúas só teñen ao redor de 1m. O BNG na Guarda quere saber a que se debe esta modificación e que criterios se están a ter en conta, dado que a modificación proxecto cambia de totalmente a estrutura da rúa. “Esta modificación vai supor hipotecar a humanización da rúa no futuro, sen abordar con seriedade os problemas de aparcamento que existen na zona. Dende o BNG non entendemos que se priorize o tráfico rodado ao peonil”, comentou Xan Lois. Cómpre destacar que esta rúa hai tempo que é de sentido único, polo que é viábel dotala dunhas beirarrúas de 1,80 como estaba proxectado inicial. Isto é o que o grupo de goberno do PSOE entende por humanizar. O BNG entende o urbanismo doutro xeito, un instrumento ao servizo do pobo, con centros urbanos onde prime a presenza dos peóns sobre os vehículos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario