11 de mar. de 2011

GALICIA

O BNG CHAMA A MOBILIZACIÓN EN DEFENSA DO AFORRO, DO EMPREGO E O PAÍS




O BNG fai un chamamento a participar na manifestación deste domingo en Santiago de Compostela porque Galiza está nunha situación crítica



Bloque Nacionalista Galego


O BNG manifesta que prácticamente todos os piares da economía galega e o noso sistema financeiro están sendo agredidos por políticas que se toman lonxe e que son contrarias aos nosos intereses, sen que haxa un Goberno galego capaz de enfrontalas e de erguer a súa voz en defensa de Galiza.
O noso país lidera a destrución de emprego no conxunto do Estado até chegarmos a un máximo histórico de 245.000 parados e paradas. Está en xogo o noso aforro pola ameaza de privatizar a caixa galega. Podemos perder a suficiencia enerxética de se aplicar até as últimas consecuencias o Decreto do Carbón e nos últimos dous anos pecharon 1.500 explotacións leiteiras mentres a Unión Europea segue decretando desguaces para a flota pesqueira galega. A todo esto hai que engadir que o sector da conserva está en risco e o sector naval ten a súa capacidade produtiva baixo mínimos.
A situación é crítica porque coa privatización da Caixa está en xogo o noso aforro e o acoso aos nosos sectores produtivos básicos imposibilita a creación de emprego. A privatización da Caixa pode supor ademais a desaparición dun modelo de caixas de aforro vinculado de xeito máis próximo ao territorio e cunha contribución en iniciativas de interese social.
Desde o BNG entendemos que esta situación é produto da acción combinada de dous gobernos, o Goberno do Estado en mans do PSOE e o Goberno de Galiza en mans do PP. Entendemos que esta situación merece unha clara reacción social. Por esta razón
chamamos a toda a cidadanía a participar na manifestación convocada para o domingo 13 de marzo, ás 12h na Alameda de Santiago de Compostela, baixo o lema “Galiza ten dereito. En defensa do aforro, o emprego e o País” (
http://galizatendereito.info).

Ningún comentario:

Publicar un comentario