25 de feb. de 2011

PONTEVEDRA

O MUSEO DE PONTEVEDRA ABRE O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NO OBRADOIRO DIDÁCTICO “PARA SER GRUMETE”


Este taller, que alcanza xa a súa sexta edición, vai dirixido a persoas de calquera profesión ou nivel de estudos interesadas nas viaxes oceánicas e os descubrimentos náuticos




O Museo de Pontevedra, organismo autónomo da Deputación de Pontevedra, organiza por sexto ano consecutivo o obradoiro didáctico “Para ser Grumete”. Esta iniciativa gratuíta de carácter divulgativo vai dirixida a persoas adultas de calquera profesión ou nivel de estudos, interesadas nas viaxes oceánicas e os descubrimentos náuticos dos séculos XV-XIX.

Datas e horarios
A actividade consta de doce sesións de dúas horas cada unha, sendo a periodicidade dunha clase á semana. Esta terá lugar os xoves, de 17:00 a 19:00 horas, a partir do 17 de marzo. A maiores, e como complemento, ofrecerase ós participantes a oportunidade de realizar unha sesión práctica de navegación a vela nas embarcacións tradicionais da Asociación Os Galos de Bueu.

Contido didáctico
Ó longo das diferentes sesións do obradoiro “Para ser Grumete” farase un percorrido polas viaxes oceánicas e os descubrimentos náuticos dos séculos XV-XIX. Abórdaranse temas como: os mariños que participaron nestas viaxes, instrumentos de navegación empregados, tipos de barcos que as protagonizaron, terminoloxía náutica empregada naquel tempo, etc.

Os interesados en participar nesta actividade deben cumprimentar o formulario oficial que se facilita na páxina web
www.depontevedra.es e presentalo no Rexistro Xeral da Deputación. A selección de participantes se realizará atendendo á orde de inscrición ata completar un máximo de 15 persoas. Para máis información contactar co Gabinete Didáctico da Deputación de Pontevedra persoalmente ou a través do enderezo de correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es ou no teléfono 986 851 455.

Ningún comentario:

Publicar un comentario