UN CENTO DE PERSOAS PERCORRE A RUTA DOS MUÍÑOS DO FOLÓN E PICÓN DENTRO DO PROGRAMA “O ROSAL. COÑECE O TEU CONCELLO”
Reportaxe: Concello do Rosal
Fotografías: Juan Ramón M.B.
O sábado 15 de xaneiro tivo lugar o primeiro percorrido turístico-cultural pola vila rosaleira dentro do programa “O Rosal. Coñece o teu concello”.
Un cento de persoas de toda a comarca do Baixo Miño asistiu ao curioso proceso de moenda no “Muíño das Laxes” cunha demostración “in situ” da conversión do millo en fariña para, de seguido, comezar a ruta polo Folón. Lembrar que esta ruta dos muíños do Folón-Picón, está homologada pola Federación Galega de Montañismo, sendo considerados os seus enxeños “Ben de Interese Cultural” pola Xunta de Galicia (1998).
Segundo afirmou o alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela “estes percorridos pola nosa vila realizaranse durante todo este ano 2011, os primeiros sábados do mes, para descubrir os aspectos culturais menos coñecidos do municipio e os nosos lugares máis pintorescos”. O Alcalde recoñeceu así mesmo que con estas rutas “tamén se pretende pasear, facer un pouquiño de sendeirismo, de deporte e como non, estar en contacto coa natureza”. Fernández Portela estivo acompañado nesta visita aos Muíños, pola concelleira de Turismo, Ángeles Vicente Manzano, o edil de Deportes, Ángel Martínez Villa e a responsable de Educación, Mabel Franco Pérez.
As oportunas explicacións sobre a ruta e a historia destas vellas construcións correron a cargo do guía municipal, Juan Ramón Martínez Barbosa, coautor con Xoán Martínez Tamuxe, do libro Os Muíños do Folón e do Picón na Vila do Rosal. Conxunto histórico-etnográfico de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario