3 de set. de 2010

OURENSE

COCHORRO INAUGURA NO CENTRO CULTURAL “PUNTO DE PARTIDA”, UNHA EXPOSICIÓN DE ESCULTURAS FIGURATIVAS



Infogauda / Ourense


O escultor valdeorrés Luis Fernández González “Cochorro” inaugurou hoxe no Centro Cultural da Deputación a exposición “Punto de partida”, unha mostra de esculturas figurativas en pedra, mármore e madeira, que amosan un traballo de madurez, serenidade e sinxeleza. Na presentación do catálogo, o artista dixo que a busca permanente de ritmos e movementos na escultura levouno durante anos a mesturar curvas e arestas con diversos materia is e cores “para crear pezas que falen por si mesmas e transmitan movemento”.
O título da exposición: “Punto de partida”, ten como significado, segundo Cochorro, “que todos os días iniciamos novamente a nosa vida; todos os días erguémonos e comezamos a crear. De aí, que cada día sexa un punto de partida, non só para a escultura senón tamén para a vida mesma”.

Pola súa banda, o director do Centro Cultural, Francisco González, dixo na presentación do catálogo que a exposición está composta de medio cento de pezas “que teñen como denominador común a busca da sinxeleza, pero non como algo banal, senón como camiño para chegar á esencia da materia”.

Francisco González definiu a Cochorro como un escultor “comprometido como o que máis co ámbito cultural e artístico de Ourense, sempre presente en todas as actividades e cun especial interese pola actualidade cultural da nosa provincia, o que se traduce logo na súa obra, que é actual, activa e contemporánea”.

A mostra inaugúrase hoxe ás 20.15 horas no Centro Cultural, e permanecerá exposta ata o vindeiro 26 de setembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario