1 de xul. de 2010

OURENSE

A DEPUTACIÓN EDITA UN LIBRO SOBRE O GRAN “LABORATORIO NATURAL” DE OURENSE: A COMARCA DE CHANDREXA DE QUEIXA


Infogauda / Ourense


A Deputación provincial de Ourense presentou hoxe o último libro que ven de editar: un extenso e coidado traballo de investigación e divulgación dun dos paraísos naturais máis importantes da nosa provincia: Chandrexa de Queixa. O autor é o biólogo Luis José Míguez Rodríguez, quen definiu á comarca de Chandrexa como un verdadeiro “laboratorio natural”, tanto polas condicións climatolóxicas como biolóxicas, xeolóxicas e naturais que se dan nesta zona da provincia ourensá, “e que permiten avaliar e estudar a evolución climática e natural que se ten producido dende hai miles de anos”.
Míguez apunta ao feito de que Chandrexa de Queixa se mantivese dende sempre afastada das grandes canles de comunicación “como un valor importante para a conservación do seu entorno natural; e lonxe de considerar esta falla de comunicacións como unha debilidade temos que pensar que grazas a iso temos hoxe en día un legado natural que poucos lugares atesouran”.Luis Míguez agradeceu ao presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, a publicación do traballo e ao alcalde de Chandrexa, Francisco Rodríguez, o apoio amosado para levar a cabo este proxecto, sen esquecer aos veciños de todos os pobos de Chandrexa polas súas aportacións á hora de realizar o traballo de campo.Pola súa banda, José Luis Baltar dixo que esta obra “pretende mostrar o patrimonio natural de Chandrexa de Queixa para que calquera persoa interesada poida descubrir un dos espazos máis sorprendentes da nosa provincia. Estou convencido de que con este libro poderemos paliar o esquecemento histórico que padecen as comarcas da montaña ourensá, o que posiblemente reverterá na necesidade dos lectores de visitar esta zona para que se converta nun verdadeiro foco de turismo dentro da nosa provincia”.A obra, que ten como título “Chandrexa de Queixa, patrimonio natural” e da que se editaron 800 exemplares, definiuna o autor como un “inventario multidisciplinar” que abrangue datos da sabiduría popular e investigacións científicas, conformando asi unha guía didáctica e amena, á vez que técnica, “para que todos poidamos achegarnos a esta marabilla natural de Ourense, que é Chandrexa de Queixa”, explicou Luis Míguez.Ademais de recoller os aspectos xeolóxicos, hidrolóxicos, vexetais e de fauna de Chandrexa, o libro dedica unha parte á evolución demográfica, coa finalidade, en palabras do autor, “de facer un chamamento fronte ao despoboamento que sofre o rural e, en concreto, os concellos de montaña, algo contra o que debemos loitar para evitar que se perda esta herdanza secular de tradicións, etnografía e historia que conforman os nosos pobos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario