13 de xul. de 2010

OURENSE

A DEPUTACIÓN DESTINA 260.000 EUROS PARA AXUDAS Á CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO ETNOGRÁFICO




Infogauda / Ourense



A actuación enmárcase no ámbito xeográfico dos proxectos “Arraiano”, “Delorur” e “Terras do Avia”, que cubren gran parte do territorio da provincia e contan con financiamento da Unión Europea.
A Deputación provincial de Ourense ven de publi car no BOP a convocatoria de axudas para a conservación e rehabilitación do patrimonio etnográfico, no marco dos proxectos “Arraiano”, “Delorur” e “Terras do Avia”. A institución provincial, que reserva un crédito por importe de 260.000 euros para estas subvencións, fixou como un dos principais obxectivos de actuación potenciar o desenvolvemento rural e urbano dos concellos da provincia, a través de actuacións económicas, tecnolóxicas e medioambientais que favorezan a competitividade e melloren o benestar e a calidade de vida dos cidadáns. En total, máis de 140.000 persoas da provincia son as beneficiarias das obras e servizos que se realizarán no marco dos proxectos “Arraiano”, “Delorur” e “Terras do Avia”.

A intención da Deputación de Ourense ao convocar estas axudas é a protección, conservación, así como a posta en valor dos numerosos bens do patrimonio etnográfico que atesoura a provincia da Ourense (moitos deles nun pésimo estado de conservación), co fin de evitar a súa perda para sempre, coa perda que iso implicaría para o patrimonio cultural e, por ende, turístico, da provincia.Os investimentos que se realizarán terán, en principio, carácter de obras de limpeza, consolidación, conservación e rehabilitación das construcións, instalacións e do seu contorno, e desenvolverán unha política de promoción da cultura e da paisaxe nas áreas xeográficas dos proxectos. Os bens e instalacións de arquitectura tradicional e etnográfica sobre os que se poderá actuar son: cruceiros, petos de ánimas, hórreos, muíños, fornos, pombais, palleiras, alpendres, adegas, prensas, fontes, lavadoiros, pozos, canais, sistemas hidráulicos, e outros de carácter similar.As axudas consistirán nunha subvención que se percibirá por unha soa vez por beneficiario e ben inmoble, cun importe máximo de 4.000 euros por actuación (máxima porcentaxe da subvención: 75%).

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas, as comunidades de bens e persoas xurídicas con ou sen ánimo de lucro que sexan propietarias, posuidoras ou titulares de dereitos reais, con consentimento do titular da propiedade. No caso de bens inmobles de titularidade veciñal ou comunal poderán ostentar a condición de beneficiarios as agrupacións sen personalidade xurídica constituídas, polo menos, por tres persoas maiores de idade.

O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o día 9 de agosto de 2010. Para máis información os interesados poden consultar as bases das axudas no BOP do día 7 de xullo de 2010, ou na web www.depourense.es, ou informarse no teléfono: 988 011 446.

Os proxectos “Arraiano”, “Delorur” e “Terras do Avia están cofinanciados nun 70% a través de axuda do FEDER, durante o período 2007-2013. A Deputación puxo en marcha estes proxectos, que abranguen unha serie de actuacións dirixidas ós concellos de Ourense, encamiñadas a crear emprego, mellorar as infraestruturas, aumentar a calidade medioambiental, mellorar a accesibilidade e preservar o patrimonio cultural.

Concellos que comprenden as áreas de actuación dos proxectos:

ARRAIANO: Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós.

TERRAS DO AVIA: San Amaro, Beariz, Boborás, O Carballiño, San Cristovo de Cea, O Irixo, Maside,Piñor e Punxín, Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia.

DELORUR: O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario