19 de maio de 2010

OURENSE

MIGUEL MOSQUERA INAUGURA O VENRES A SÚA EXPOSICIÓN “NUN LUGAR DO MUNDO”


Infogauda / Ourense
O artista ourensán Miguel Mosquera inaugura o vindeiro venres, día 21 de maio, no Centro Cultural da Deputación unha exposición cos seus últimos traballos e que leva por título “Nun lugar do mundo”.
Mosquera chega ás salas da Deputación de Ourense despois dunh a longa tempada alonxado dos lugares expositivos, ainda que nunca desconectado do mundo creativo e artístico.
Fernando Ferro escribe así do seu amigo:
Carta dun amigo a Miguel Mosquera
Os seres humanos dividímonos, en canto ó substantivo, en dous grupos: os interesados e os interesantes. Ós primeiros unicamente lles preocupa o beneficio propio que poidan obter en calquera relación e en todo momento.Aquí agrúpanse os banqueiros, as lurpias, os xuíces (salvo Baltasar Garzón), policías e verdugos, os chatarreiros, os notarios, os mafiosos, os políticos profesionais, os chapeiros, os curas e os carteiristas.
Entre os interesantes, é dicir, os que ofrecen a súa colaboración antes de pensar na compensación e que, se obteñen un beneficio, sempre é compartido, atópase a inmensa maioría dos traballadores sanitarios e de servizos sociais, bombeiros, panadeiros, científicos, gardas forestais, mestres, varredores e poetas. Se algún lector é coñecedor dalgún caso no que alguén estea mal clasificado, que o cambie de grupo sen máis trámites.
Non obstante, para clasifica-los artistas non existe máis que un grupo. Artistas son aqueles que posúen consideración e respecto entre os seus colegas de actividade creativa. Á marxe de éxitos económicos e recoñecementos sociais, os que non gozan do aprecio dos seus iguais son outra cousa diferente.
Para os cantadores e tocadores flamencos a cousa está moi clara, os mestres son “artistas de artistas” e adóitase acompaña-la afirmación con outra de non menor importancia, que é que son “bonos afeccionados”. Ningunha das dúas aseveracións é gratuíta e apuntan á cuestión central da produción artística, porque soamente é arte aquilo que fan os artistas. As ocorrencias felices dos oportunistas que seguen modas ou copian fórmulas de éxito, que fabrican produto apoiados pola mercadotecnia ou o interese político acaban desinchándose axiña.
A historia da arte está chea de casos nos que creadores luminosos non foron socialmente recoñecidos e tiveron que encarar penalidades sen conto. Xunto a estas vidas maltratadas, tamén sufriron dolorosas penas aqueles que, a pesar do éxito aparente, tiveron que humilla-la súa indubidable mestría ante a estulticia e soberbia de reiciños tiránicos e freires túzaros. Hoxe, que vivimos nun aparente renacemento democrático da cultura e das artes, volvémonos atopar co maltrato metódico que recibe calquera creador libre, radical e honesto. O maior pecado ou erro segue sendo a expresión crítica coas incontables formas de dominación das minorías poderosas sobre as maiorías populares.Pechemos este apartado deixando constancia da bondade persoal de Miguel Mosquera, a quen nunca lle oín falar mal de ninguén e nunca empequeneceu a ninguén para aumenta-la súa talla; este feito é insólito no mundo da creación plástica. Por outra parte, é cousa sabida que a súa obra segue espertando indubidable interese entre os plásticos, ademais dos críticos, galeristas e coleccionistas, logo é artista.
Profundando na análise da súa proposta, podemos afirmar que no seu método de produción sérvese da maxia (capacidade de facer cousas extraordinarias e admirables) para rebenta-las imaxes coas que traballa.
Esmiuzar, ata chegar ó núcleo dunha representación preexistente, ben sexa esta real ou imaxinaria.Por exemplo, tomar unha fotografía antiga do seu pai paseando cuns amigos polo Paseo, permítelle quebrar tódalas evocacións conscientes e inconscientes que lle trae ese instante e reconstruílo despois en diversas liñas de expresión.
As técnicas e materiais de que se serve deveñen propostos polo propio soporte inicial, neste caso copia en branco e negro en papel fotográfico, que agora se retoma como impresión dixital sobre tea tratada con colas, ceras e pigmentos. Para este cadro auméntase considerablemente a escala do obxecto de partida, tal vez pola dimensión social da que informa, un grupo de homes nunha rúa singular de Ourense.
Non obstante, na serie de mulleres e homes bos e malos (vítimas e verdugos ) o formato escollido é sensiblemente similar ó orixinal, por ser este adecuado para lograr unha relación próxima, de intimidade, tanto coas persoas queridas como coas repudiadas. Aquí a posición relativa das imaxes respecto do plano do chan indícano-lo valor simbólico dunhas e outras.
Os seus murais sobre a revolta informan do que aínda permanece vivo na amodorrada e conformista sociedade actual. Alguén se move contra o inxusto e o baleiro de sentido. Alguén busca novos significados ó acontecemento de estar vivo, e o seu reflexo “nos medios de intoxicación de masas” atrae ó pintor que o devolve ó espazo público reelaborado como unha chamada de atención, como un inequívoco sinal que fala do inevitable do cambio e do progreso.
Nas pequenas esculturas de madeira e cor colgadas da parede, Miguel logra escintileos de xenialidade ó supera-la vella contradición entre a razón occidental construtiva enfrontada á emotiva sensualidade oriental. A fría maclaxe de planos e espazos incéndiase co lirismo cromático mediterráneo.
Tamén a natureza ten algo que dicir na súa complexa poética e introduce a súa sintética xeometría (espirais, curvas pechadas e abertas, superficies reguladas, etc.) en forma de cunchas, osos e plumas. Este é o segundo plano de confrontación que ofrece a súa obra, o artificial, plano e obvio encóntrase co natural, orgánico e complexo. Sempre da sorpresa e da emoción xorde o sentido.
Un aspecto do seu proxecto plástico, que non se pode esquecer, é que os seus obxectos sempre trasladan vibracións musicais, tal vez sexa polo seu amor e coñecemento do jazz e do flamenco dos xitanos andaluces. Aínda que na súa obra máis recente podería retoma-los ecos do rap vallecano, combativo e directo, de Salaz e LDK, que viven empeñados en rebenta-las palabras, e do rock de veludo e desgarro de Los Suaves.
Unha obra radical e contemporánea na que non hai trampas. O artista tírase pola pendente das súas iluminacións sen miramentos e, por iso, sempre acerta. Fernando Ferro.
Pinto 14 de abril de 2010.

Ningún comentario:

Publicar un comentario