29 de maio de 2010

GALICIA


O PP REXEITA NO PARLAMENTO A INICIATIVA DO BNG PARA QUE A XUNTA CONSTRÚA O TERCEIRO TRAMO DO COLECTOR XERAL DE TOMIÑO


A deputada Carme Adán afirma que o PP na Xunta non cumpre con Tomiño



Bloque Nacionalista Galego / Tomiño
O Partido Popular impediu esta mañá no Parlamento Galego que se aprobase unha iniciativa do BNG que lle solicitaba á Xunta que constrúa a terceira fase do colector xeral de Tomiño.

En concreto, a proposición non de lei do BNG que se debateu esta mañá na Comisión 2ª do Parlamento Galego instaba á Xunta de Galiza a “por en marcha as accións necesarias para construír o terceiro tramo do colector xeral de Tomiño entre as parroquias de Carregal e Torrón. Para este fin, dotarán de orzamento ao proxecto o máis axiña posíbel”.

A deputada do BNG, Carme Adán, asegurou que a construción deste terceiro tramo, que discorrería entre as parroquias de Carregal e Torrón, e que viría a completar aos dous xa existentes entre as parroquias de Goián e Carregal, “é unha obra urxente e fundamental para o saneamento de Tomiño”.

Ademais, xustificou a súa necesidade en que “nesta áreas sitúanse as terceira e cuarta parroquias máis poboadas de todo o concello, como Amorín ou Sobrada, cun importante crecemento demográfico, o que fai aínda máis necesario a construción do colector para o saneamento das augas residuais”.

“A Xunta do PP non cumpre con Tomiño”

Neste sentido, Carme Adán subliñou que “no ano 2007 houbo un acordo entre o concello e a Xunta de Galiza para a construción deste colector e dende aquela o Concello de Tomiño cumpriu e fixo todos os deberes para poder construílo”.

Así, lembrou que “aprobouse o proxecto, o concello de Tomiño solicitou un préstamo e no pleno do concello de outubro de 2009 aprobouse o inicio do expediente de expropiación dos terreos necesarios”.

Porén, a deputada do BNG denunciou que “o regreso do PP á Xunta de Galiza supuxo a paralización deste proxecto, a pesar de que o concello de Tomiño cumprira todos os seus compromisos”.

Así, denunciou que o Goberno de Feijoo non incluíu nin un euro para este terceiro tramo do colector nos Orzamentos de 2010, o que motivou unha fonda preocupación entre os veciños e veciñas de Tomiño, que constituíron unha Plataforma veciñal para demandar esta infraestrutura”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario