MAGNÍFICO CATÁLOGO DE LAMAZARES
O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu o xoves a presentación do catálogo-libro do pintor Antón Lamazares titulado: “Domus omnia & fai frío no lume”, correspondente á magnífica exposición que o Centro Cultural exhibirá ata o vindeiro 31 de xaneiro nas súas salas. A mostra está integrada por 152 pezas de gran formato, repartidas en dúas series que son as que dan título ao libro, que son o resultado dos últimos cinco anos de traballo do pintor en Berlín.
Infogauda / Ourense
O acto de presentación contou coa presenza do presidente da Deputación, José Luis Baltar; o director xeral de Promoción e Difusión Cultural, Francisco López Barxas; o director do Centro Cultural, Francisco González, e o propio pintor. López Barxas dixo que apoiar o traballo de Lamazares e unha obriga e unha satisfacción, “porque representa unha inmensa bagaxe creadora a que aglutina a súa obra a cal nos devolve imaxes, cores e sentimentos que amosan a súa fonda galeguidade. Todos nos sentimos parte do seu pincel e das súas mans, porque Lamazares pula por abrir novos espazos no mundo da arte: xeometría, texturas e cromatismo dos que se desprende a unha mensaxe fonda de Galicia”.Pola súa banda, José Luis Baltar dixo que para Ourense “é un prestixio que unha exposición desta categoría poida exhibirse na nosa cidade, porque estamos a falar dun dos artistas galegos contemporáneos de máis difusión internacional, pero que ten a características singular de facer a súa obra dende o corazón de Galicia”. Baltar engadiu que Lamazares “fainos sentir orgullosos de ser galegos ao levar o seu talento polo mundo enteiro, porque os seus triunfos son os triunfos de Galicia”.O pintor agradeceu as facilidades dadas polo Centro Cultural para a montaxe da exposición, que supuxo un gran esforzo tanto persoal como de infraestrutura, e sentenciou: “Nunca me trataron tan ben en ningunha outra exposición”.Finalmente, Francisco González, director do Centro Cultural, destacou “a excelente acollida da mostra, pois temos peticións do catálogo de persoas que visitaron a exposición e que proceden de toda Galicia, Madrid e outras provincias españolas e tamén de países como Finlandia ou Alemaña”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario