7 de out. de 2009

VIGO

CAÍNO, O PINTOR DE BAIONA, PRESENTA EN VIGO SEUS “ESPACIOS NA MEMORIA”
· “Espacios na Memoria” pode visitarse na sala de exposicións II, do Centro Social Caixanova, de Vigo, até o 25 deste mes. De luns a venres, en horario de 18.00 a 21.30 h., e os sábados, domingos e festivos, de 11.00 a 14.00 h. e de 18.00 a 21.30 h..

Ricardo Rodríguez Vicente / Vigo

Desde hoxe e até o 25 deste mes, a Sala de Exposición II do Centro Social Caixanova (rúa Velázquez Moreno, 18 – 20), de Vigo acolle unha importante exposición de pinturas do artista Caíno Vasconcellos, de Baiona.

Na exposición, que leva por título xenérico "Espacios na Memoria", o pintor miñorán amosa a labor que viu desenvolvendo nos dous últimos anos no seu estudo do Loureiral. Facianas de rapaces, nús de mulleres, paisaxes,..., constitúen unha formidable mostra do seu compromiso coa xente de a pé. Das mulleres, homes, vellos e nenos, que configuran a maioría social da Nosa Terra. Desa xente que contra vento e maré tira sempre para adiante. Traballando arreo, día a día, a carón do mar, na feira, no peirao, no agro, na serra,..., ofrecendo súa achega o clan familiar, para subsitir e resistir.

Caíno é un home de compromiso co seu pobo. Unha persoa sensible como él, expresa co seu arte, toda a ademiración que sinte polos máis febles e desvalidos. Os cadeliños, os nenos, os maiores, as crases populares,... Todo iso, xunto coa súa peculiar técnica pictórica, teñen como resultado unha gozosa exposición onde a cor agroma entre sucesivos empastes matéricos, veladuras e arrastres. Azuis, brancos, verdes, bermellos,... A paleta de Caíno é abondosa, tanto como súa bonhomía que contrasta asemade, coa súa rebeldía como artista e como persoa.

En Baiona ninguén descoñece quen é Caíno. Desde os máis maiores ós máis picariños. No mundo da arte en Galicia, cada vez son máis as persoas que coñecen a valía artística deste pintor adicado en corpo e ialma a creación.

Recomendamos unha visita de vagar a esta mostra, na seguranza de que ninguén vai quedar indiferente diante dos cadros deste artista baionés de nacemento e galego até a médula.

Ningún comentario:

Publicar un comentario