9 de out. de 2009

OURENSE

A DEPUTACIÓN DE OURENSE DESTINA 200.000 EUROS A BOLSAS INTERNACIONAIS PARA UNIVERSITARIOS




Infogauda / Ourense

A Deputación de Ourense abre o prazo para que os universitarios poidan optar ás bolsas internacionais que a institución provincial ofrece para apoiar actividades de formación e cualificación profesional en empresas da Unión Europea. Neste senso, a xunta de goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe as bases reguladoras da terceira convocatoria de concurso público para a concesión das devandita bolsas, no marco do programa europea Leonardo da Vinci 2009.

Estas bolsas supoñen unha axuda para a formación dos universitarios e son un instrumento que contribúe á realización efectiva do principio de igualdade de oportunidades. O feito de poder realizar prácticas en empresas da UE posibilita a adquisición de coñecementos e competencias, facilitando a mobilidade dos traballadores para o desenvolvemento de labores innovadoras e de transferencia, fomentando tamén o perfeccionamento de linguas estranxeiras.As prácticas desenvolveranse preferentemente en empresas de Alemaña, Austria, Francia, Italia, Polonia, reino Unido, República Checa e Portugal. Será competencia da Deputación de Ourense a adxudicación dos destinos, en atención ao ámbito de actividade das empresas contactadas en cada país, así como a adecuación dos candidatos ao programa e o nivel amosado no coñecemento de idiomas estranxeiros.Os requisitos que deben cumprir os beneficiarios son: estar en posesión de titulación universitaria de primeiro ou segundo ciclo; que dita titulación se obtivese nos cinco anos inmediatamente anteriores á data de convocatoria deste concurso; posuír coñecemento con nivel suficiente dalgunha das linguas dos países de destino; ter coñecementos de informática e non ter sido beneficiario dunha bolsa do programa Leonardo da Vinci convocada pola Deputación de Ourense. Os gastos que cubre a bolsa son os desprazamentos de ida e volta, preferentemente en avión, as prácticas laborais nunha empresa seleccionada en atención ao perfil profesional do beneficiario, a titoría das prácticas laborais, un curso de inmersión lingüística, seguro e unha dotación mensual que consistirá no aboamento da axuda para custos de aloxamento e manutención.Trala recepción de solicitudes, realizaranse as probas de lingua estranxeira, que terán lugar os días 5 e 6 de novembro no Centro Cultural da Deputación. Unha vez realizadas estas probas os aspirantes deberán presentar no prazo de tres días a seguinte documentación: un currículo en formato europeo, unha carta de motivación, un formulario de prácticas e un formulario de aloxamento. As bases da presente convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario