9 de out. de 2009

VIGO

O Grupo Universitario de Amnistía Internacional organiza un concerto baixo o lema “Fagamos da pena de morte unha pena en extinción”




A organización denuncia que se segue a executar menores e persoas con enfermidades mentais

Amnistía Internacional / Vigo
Con motivo do Día Mundial Contra a Pena de Morte, que se celebra o 10 de outubro, o Grupo Universitario de Amnistía Internacional na Universidade de Vigo organiza un concerto contra a pena de morte, baixo o lema “Fagamos da pena de morte unha pena en extinción”.

O concerto celebrarase na sala La Fábrica de Chocolate (r/ Rogelio Abalde, 22) o domingo 11 de outubro a partir das 22:00 horas. Nel participarán as bandas galegas Holywater e 1st Person. As entradas, que se poderán mercar no despacho de billetes o día do concerto, terán un prezo de 3 euros.

“Con este concerto tentamos sensibilizar á mocidade na importancia de vivir nun mundo sen pena de morte e no que se respecten os dereitos humanos”, sinalou Ismael Álvarez, voceiro de Amnistía Internacional.

En 2008 o mundo avanzou aínda máis cara a abolición da pena de morte. En Asia Central e Europa, tras a abolición da pena de morte para todos os delictos en Uzbekistán, só Bielorrusia segue a levar ao cabo execucións.

En América só os Estados Unidos levan ao cabo execucións, aínda que o ano pasado foi o ano con menos execucións desde 1995.

Pese a iso a situación segue a ser preocupante en Asia e en Oriente Medio, as dúas rexións do mundo onde máis execucións se levan ao cabo. Por iso, Amnistía Internacional amosa especial preocupación por dúas situacións: a execución de enfermos mentais en Xapón e a execución de menores.

“En Irán foron executados ó menos 8 menores o ano pasado, e máis de 130 están á espera de execución. No que vai de ano xa foron executados dous menores en Irán e outros dous en Arabia Saudita.”, declarou o voceiro de AI.

Xapón é un dos dous únicos países altamente industrializados, xunto ós Estados Unidos, que seguen a aplicar a pena de morte. Aínda que rodea un gran hermetismo á pena de morte en Xapón, sábese que persoas con enfermidades mentais corren risco de execución, vulnerando así as normas internacionais que subscribiu.

“Desde Amnistía Internacional pedimos ós Gobernos de Irán, Arabia Saudita, Iemen e Sudán, onde se segue a aplicar a pena de morte a menores, que cesen esta práctica. Así mesmo, esiximos ó Goberno de Xapón que garanta a non execución de enfermos mentais en Xapón, e declare unha moratoria das execucións como primeiro paso cara á abolición total da pena de morte.”, indicou Ismael Álvarez.

Amnistía Internacional solicita tamén aos 59 países que seguen a condenar a morte que declaren unha moratoria das execucións como paso previo á abolición.

A organización lanzou en
www.actuaconamnistia.org una ciberacción instando ó Goberno xaponés a que poña fin ás execucións a persoas con enfermidade mental. O 10 de outubro lanzará unha ciberación instando aos Gobernos de Irán, Arabia Saudita, Iemen e Sudán a que poña fin á execución a menores. As sinaturas entregaranse, xunto ás recollidas pola Coalición Mundial contra a Pena de Morte, o vindeiro 20 de novembro, día internacional dos dereitos da infancia e vixésimo aniversario da Convención dos Dereitos do Neno, que os catro países están obrigados a respectar.

Españois condenados a morte

Pablo Ibar leva preso desde 1994 e atópase no corredor da morte de Florida (Estados Unidos) desde o ano 2000. Nestes momentos, o seu caso está pendente dun recurso presentado polo seu avogado para que se repita o xuízo e da investigación entorno a un posible sospeitoso dos crimes que se lle imputan a Pablo.

Nabil Manakli, cidadán español de orixe sirio, foi detido en 1997 en Iemen e condenado a morte en 2003. Está pendente de que se cumpra o seu anunciado traslado a España, en virtude do Convenio sobre o traslado de persoas condenadas, asinado por España e Iemen en 2007 e ratificado polo presidente iemení en 2008. Por outra banda, ata a data non se produciu o traslado, ao parecer porque o presidente de Iemen non asinou aínda.

Un concerto con bandas galegas solidarias

Con preto de dez anos de carreira musical, Holywater afronta serenamente o reto de publicar o seu terceiro álbum, que probablemente non se titule Tranquility por casualidade. Liderados pola excepcional voz de Ricardo Rodríguez, tocarán contra a pena de morte os temas do seu terceiro disco.

1st Person é unha banda viguesa, que destaca por tocar una mestura de diferentes estilos, froito das súas variadas influencias achegadas ao rock alternativo. Formado por catro membros con traxectoria noutros grupos, quixeron poñer todo o seu ritmo a esta iniciativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario