Tomiño impulsa a seguridade cidadá con drons, formación especializada e tecnoloxía avanzada para emerxencias
• O Concello reforza a capacidade operativa da Policía Local coa colaboración co Vig-Sec Drone e o uso de Suite ACRE, unha plataforma orientada a mellorar a coordinación, prevención e resposta ante situacións críticas
Infogauda/Tomiño
Tomiño continúa avanzando na modernización dos seus servizos públicos coa incorporación de novas ferramentas tecnolóxicas aplicadas á seguridade cidadá e á xestión de emerxencias. Neste camiño, o Concello realiza unha colaboración estratéxica coa empresa galega Vig-Sec Drone, que inclúe o uso do seu software Suite ACRE por parte da Policía Local.
Esta tecnoloxía permite mellorar a coordinación operativa, facilitar a toma de decisións en tempo real e reforzar a capacidade de resposta ante incendios, accidentes, eventos públicos ou situacións de risco. A súa aplicación resulta especialmente útil en escenarios onde dispoñer de información precisa e actualizada pode marcar a diferenza na protección das persoas, os bens e a contorna natural.
Un dos eixos principais desta colaboración é a formación continua das e dos axentes. O Concello considera fundamental que a Policía Local conte con persoal capacitado no uso operativo de drons, non só desde o punto de vista técnico, senón tamén na súa integración dentro dos procedementos de seguridade e emerxencia.
A través desta preparación, as e os axentes locais poden empregar sistemas UAS para obter unha visión aérea do terreo, supervisar zonas de difícil acceso, identificar puntos críticos e apoiar a coordinación con outros servizos intervenientes, como Protección Civil, bombeiros ou brigadas de extinción.
No caso de incendios forestais ou urbanos, Suite ACRE facilita ademais a visualización aérea compartida, a localización de focos, o seguimento da evolución do fume ou das lapas e a identificación de áreas de risco. Esta información contribúe a orientar mellor os recursos dispoñibles e a incrementar a seguridade dos equipos que traballan sobre o terreo.
Ademais da súa utilidade en emerxencias, a plataforma tamén ofrece apoio en dispositivos preventivos e eventos públicos. Un exemplo recente foi a carreira de BTT celebrada no municipio, onde a Policía Local utilizou Suite ACRE para coordinar recursos ao longo do percorrido e contribuír ao adecuado desenvolvemento da proba.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou a importancia de apostar por solucións que permitan anticiparse aos riscos e actuar con maior eficacia. Como destacou, “a seguridade do século XXI require innovación, especialización e coordinación. A colaboración con empresas como Vig-Sec Drone e a formación continua da nosa Policía Local permítenos estar mellor preparados para protexer á veciñanza. Ante unha emerxencia, cada segundo conta, e dispoñer de información precisa é clave para tomar mellores decisións”.
Con esta iniciativa, o Concello de Tomiño reforza o seu compromiso cun modelo de seguridade máis moderno, preventivo e coordinado, baseado na capacitación permanente dos servizos municipais e o uso responsable da tecnoloxía ao servizo da cidadanía tomiñesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario