3 de ago. de 2009

A GUARDA

EMILIO ROLÁN MOSQUERA, LEEU O PREGÓN DAS FESTAS DO MONTE SANTA TREGA, 2009
Infogauda / A Guarda
Coas bombas de palenque que subiron o ceo ás 10:00 da mañán deste luns, anunciouse o escomenzo das Festas do Monte Santa Trega, ou como se vén decindo en coloquialmente da "Semana do Monte". Logo virían os gaiteiros co seus pasarrúas, acompañados dos cabezudos. Por certo, onde están os xigantes? Haberíanse de recuperar. Estaría bén que algunha das asociacións existentes no termo municipal de A Guarda, se propuxese levar adiante esa proposta.
En todo caso, ainda que precedido de algunhas actividades deportivas como o Concurso de Pesca, e a Travesía a Nado do Porto de A Guarda, o Luns do Monte, vén sendo o día do escomenzo oficial das Festas do Monte Santa Trega. E como vén sendo tradicional, a comisión organizadora convidou acertadamente a persoa axeitada para dar lectura o pregón. Nesta 96ª edición, o pregoeiro foi un guardés de prestixio internacional: Nada máis e nada menos, que un médico pediatra, biólogo e malacólogo (especialista en cunchas), que posúe un dos currículos máis destacados. Falamos de Emilio Rolán Mosquera, un dos fillos do médico D. Emilio Rolán Vicente e de Dna. Margarita Mosquera Trapote.
Emilio Rolán Mosquera que é unha persoa que sempre está disposta a colabourar con todo o que esté nas súas máns, asumiu encantado a labor de pregoeiro. E diante dunha magnífica representación de guardeses e visitantes, que ateigaban o auditorio ao aire libre San Bieito, pronunciou o seguinte pregón:
Ola a todos.
Estou aquí porque aos resposables de escoller o Pregoeiro das Festas do Monte do 2009 deulles por invitarme a min. Despois da primeira sorpresa e do natural contento que un sinte por seres escollido a un acto no seu pobo, surxíume unha dubida e preguntei:
- ¿E que teño que facer?
- Pois ler un pregón para marcar o inicio das festas, díxome Uris, que era o representante da Asociación Pedra Furada que me invitaba.
-E ¿que é un pregón?- pregunteille de novo.
-Pois é un traballo que fas para dicirlle cousas do pobo as guardesas e os guardeses.

-¡Arrecarallo! – pensei- ¿e que lles vou a dicir do pobo, eu, que fai tantos anos que non estou aquí, a elles que viven nel?

Pero despois de un rato de meditación, cheguei a conclusión que do único que podemos falar os vellos é dos tempos afastados que vivemos aquí, e que a maioría dos guardeses de hoxe, xoves ou de mediana idade, non coñeceron.

É verdade que moitas das miñas lembranza xa foron contadas nun libro que saíu fai poucos anos e que se chama ANTES E AGORA (non pensen que quero facer propagando do mesmo, aínda que esa propaganda sería en beneficio da Asociación ANABAM), pero para os moitos que non o leron podería agora facer un resumo, ou contar cousas daqueles tempos, ou dicirlles coma era A Guarda fai sesenta anos (cousa que moitos de vos nin vos imaxinades). So os de miña idade sabemos diso.

A Guarda fai sesenta anos era un pouco como agora, algo máis pequena, pero era moi distinta: hoxe tedes moitas cousas que non tíñamos antes. E xa non falo da televisión, e dos avances tecnolóxicos da industria, das ciencias, da medicina e da cultura que hoxe existen. Outras cousas que hoxe tedes, antes os guardeses querían telas pero non podían. Por exemplo: hoxe tedes un porto, un peirao. Fai sesenta anos había menos de un cuarto do de hoxe, estaba partido, e aínda que se trataba de reparar tódolos anos, os temporais do inverno volvían a partilo unha e outra vez, e os barcos pequenos, as "jamelas", tiñan que ser subidas a terra a man, coa colaboración de todos; e os barcos mais grandes tiñan que partir para Vigo ou máis ó norte cando os temporais estaban de camiño.

A Guarda era un pobo bastante illado, nunha esquina xeográfica, pechada polo mar e polo río Miño, e con poucas comunicacións con Tui ou, polo outro lado, con Baiona e Vigo; unha estrada a cada lado para ir cara aos povos máis pertos, pero eran lugares que estaban moitos quilómetros lonxe. Os coches de liña de Saracho, o único medio de transporte, eran poucos e lentos, e só había 4 taxis: o de Andrelino, o de Xuon, o de Felipe e o de Ramón. Agora non sabedes onde poñer os moitos coches (a miles) que ocupan todo o pobo. Tamén é verdade que, naqueles tempos, ver o taxi de Andrelino circulando en vivo era como ter una peza de museo circulante, vivindo nunha realidade, cousa non habitual noutros lugares.

Pero ¿isto era un problema? Supoño que os maiores xa estaban adatados a aquela realidade. E para os rapaces, nunca había problema. Xa estabamos feitos a elo e tíñamos a ventaxa de que con unha pelota de trapo podíamos xogar partidos de fútbol no medio da rúa en cal quer parte do pobo, so con poñer dous libros ou dúas pedras de porterías. Nunca había tráfico que interrompese o xogo. E raro era que nalgún partido tivésemos que parar uns segundos porque viña un coche ou un camión. E tíñamos un frontón fronte o Convento de S. Bento.

O illamento do pobo facía que houbese persoas que nunca habían saído do mesmo. Non coñecían outro mundo que A Guarda. Isto hoxe na época do internet, das facilidades de desprazamento pola mellora das estradas, dos viaxes do IMSERSO, e da época onde rara é a familia que non ten un vehículo na casa, é algo incrible. E daquela moitos xóvenes mariñeiros que traballaban no mar, só coñecían os portos: Baiona, Vigo, Arousa, Santa Uxía de Ribeira, e pouco máis.

Tamén malo era o que tiña que coñecer países afastados, América sobre todo, porque isto significaba emigración e moitos anos lonxe da familia, hasta que poidese conseguir reunir un diñeiriño para a volta.

A mar era o máis perto da Guarda: mellor dito, A Guarda está metida no mar. Claro que o mar era un peche pero tamén un recurso. A pesca era onde buscaban o seu sustento os homes da Mariña, e un entretemento dos rapaces e dos vellos. Sempre había un peixe para gañar un pouco de diñeiro, para comer ou para pasar un intre.

Pero tíñamos outras cousas: as Festas do Monte tódolos anos estaban alí, na mente dos máis mozos que, durante o tempo que ía dunha festa a do ano seguinte, e sempre era lembrada e desexada. ¡Moito máis que agora! Que agora os mozos teñen moitos divertimentos, e naquel tempo pouco había fora das festas do verán. Anque, eso sí, o verán era o tempo de trouleada, bailes e mociñas.

Os rapaces tamén tíñamos "as rapaciñas da Guarda", que foron quen de estar nas cancións galegas:

As rapaciñas da Guarda
Sonche de moito palique
Elas botan o amocelo
E quen queira picar que pique

(e aquí vou dicir que teño lido esta canción nun libro no que poñían "elas botan o anzuelo", pero para un guardés, aficionado o mar e a pesca, o "amocelo" é o nome correcto)

Tamén había outra que dicía:

As rapaciñas da Guarda,
Non é unha que son todas,
Poñen dous pares de medias
Para facer as pernas gordas

E que seguramente isto se corresponde coa época da fame, despois da guerra, do racionamento, onde o gordo tiña máis prestíxio que hoxe en día.

Nos tempos actuais, a gordura xa ten un significado máis ben de enfermidade, polo que os nosos rapaces de fai tantos anos, sen vacinas, sen boa alimentación, sen puericultores, tiñan polo menos esa ventaxa de saúde sobre os fartos nenos de agora: eu non me lembro dun rapaz gordo naquela miña infancia. Todos estaban finiños.

Claro que cando queríamos ir a unha festiña no Rosal, San Miguel de Tabagón, ou onde fose, tíñamos que afinar os pes, xa que andando e andando era a única forma de achegarse alá. E despois de chegar a festa, a bailar horas e horas. E así... ¿Como íamos a engordar?.

Pero falando das Festas, temos que lembrar a banda de Tabagón que un día tras outro paseaba pola rúa, facendo o que mellor sabía: sonar a música e animar a xente. Sempre que había un acontecemento, deportivo, relixioso ou festeiro, alí estaba a banda, e case sempre, diante dela o Maluco, facendo de segundo director. Maluco era un persoaxe memorable. Non estaba ben da cachola, pero sempre era a alegría dos desfiles e das procesións. Nunca faltaba en calquera festexo.

Outra lembranza das festas de moitos anos atrás era o baile do Forrobodó, feito na explanada do monte, despois da comida y coas cabezas quentes. Aquelo era soamente ritmo, e tamén exercicio, que viña moi ben para queimar o exceso de calorías da comida e facer evaporación dos vapores do alcohol que a acompañara. Era a cousa máis frenética que nunca puiden lembrar: unha mistura de saltos, suor, calores e polvo (no sentido de partículas da terra do chan movidas polos pes y enturbando o ar). Aquilo era o máis próximo ao caos absoluto. Pero pasabámolo ben.

Agora pode que as festas sexan máis ordenadas, tamén que teñan máis xente, hai máis turistas que veñen a velas, hai máis bombos e bandas que souben andando e manchan de viño tinto a todos os que se aproximen, pero supoño que niso de pasalo ben os tempos terán cambiado pouco. Así que: veñan os aires de festa, veñan os sons da treboada, veñan os espíritos dos antigos a sumarse as modernas Festas e que toda a semana sexa de alegría, bo humor e todos a pasalo ben. ¡Vivan as Festas do Monte e vivan tódalas xentes da Guarda!
¡A troulear todo o mundo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario