O CENTRO CULTURAL DE A GUARDA ACOLLE UNHA EXPOSICIÓN DE PINTURA DO PINTOR ANTONIO FERNÁNDEZ GÓMEZ
Infogauda / A Guarda
A sala de exposicións do Centro Cultural e Social de A Guarda, acolle desde o día 1 o 22 de agosto, unha exposición do pintor Antonio Fernández Gómez (Goián 1882-1970).
A exposición do mestre do realismo galego, estará aberta de luns a sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
O acto de inauguración terá lugar este sábado día 1 de agosto, ás 20:30 horas no salón de actos do Centro Cultural e Social, con unha conferencia do Académico Numerario da Sección de Expertos nas Artes, xornalista e crítico de arte, Francisco de Pablos Holgado e a actuación musical do cantautor guardés Tino Baz.
Polo vencello que Antonio Fernández tivo co pobo de A Guarda, xa que viu en varias ocasións desde a súa vila matria até o noso mar, para pintar como él sabía, esas fermosas paisaxes do litoral guardés, a exposición é un fermoso xeito de adicarlle unha bén merecida homenaxe póstuma. Como poderemos comprobar visitando a exposición, nos seus lenzos, Antonio Fernández supo reflectir coma ninguén, a beleza das ondas, que atraídas polas rochas, como se éstas fosen un imán, dibuxan sen tregua, unha sinfonía de azuis, augamariñas e brancos de espuma salgada.
Asemade tamén poderemos apreciar o xeito minucioso de traballar que tiña o mestre Antonio Fernández. Con un exquisito dibuxo previo, e non poucos bocetos denantes de ir a obra definitiva, así como un concerto matérico de pinceladas xustas, Antonio Fernández pintou paisaxes insuperables, figuras, bodegóns, frores,..., e tributou, coma ninguén, unha homenaxe o gando vacuno e ovino, elevándoos co seu maxisterio, o protagonismo de moitas das súas obras pictóricas.
A exposición de Antonio Fernández Gómez servirá tamén para que as xeracións máis mozas coñezan de preto a altura artística de un goianés universal con unha traxectoria vital digna de inmortaliza-la no cinema, tendo como documentos básicos a monografía que lle adicou o escritor e poeta Eliseo Alonso Rodríguez, e tamén as testemuñas de moitos goianeses residentes no Baixo Miño e tamén na diáspora. Antonio Fernández Gómez coñeceu a dureza na emigración a Brasil, e logo de supera-los atrancos que sofreu nunha facenda onde traballaba, demostrou súas cualidades artísticas non soio en Santos, senón en Antícoli Corrado (Italia) e por suposto en Galicia.
Súa derradeira exposición en vida, tería lugar na cidade de Vigo pouco antes do seu pasamento. Daquela, e desde moitos antes desa mostra, Antonio Fernández Gómez, era todo un referente para moitos creadores, como Xavier Pousa, Magín Picallo, Eliseo Alonso,..., que compartiron co mestre moitas inquedanzas artísticas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario